No presente ano non solicitou ningún dos obradoiros que a Xunta de Galicia oferta, nin para persoas desempregadas nin para menores de 25 anos.
Ponte Caldelas, 20 de maio de 2016.- O PP de Ponte Caldelas trasladou ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a súa preocupación pola falta de interese do alcalde deste municipio, Andrés Díaz, pola posta en marcha de políticas de estímulo de emprego neste concello.
O portavoz popular neste concello, Ricardo Castro, mantivo unha reunión con Cores Tourís de cara a coñecer as ordes de axudas coas que conta a administración autonómica de cara a potenciar e dinamizar o emprego e a formación.
Neste senso, lamentaron que o actual grupo de Goberno local non estea a apostar polo emprego nin por iniciativas que poidan axudar a reducir o número de desempregados no municipio, tras coñecer que durante o presente ano Ponte Caldelas non se presentou a ningunha das liñas de subvencións abertas neste senso por parte da Xunta de Galicia nin conta cun plan xuvenil de emprego. “Está claro que o que lle interesa ao señor Díaz é posar para saír o mellor posible nas fotografías. Esa é a súa única estratexia para o fomento do emprego. De feito, a súa última iniciativa neste senso foi saír na foto de inauguración da empresa Orbe”, engadiu o portavoz popular.
Deste xeito, Ricardo Castro, recordou que o anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, apostou por este tipo de iniciativas, a última delas o obradoiro “Conca do río Verdugo-Oitavén”, posta en marcha de xeito conxunto cos concellos de A Lama e Fornelos de Montes, e que permitiu formar a 20 desempregados en atención sociosanitaria e forestal. Actualmente A Lama e Fornelos de Montes solicitaron outra vez este obradoiro acompañados de Cotobade no lugar de Ponte Caldelas, "nin o seu compañeiro do PSOE de Fornelos quere ter a Andrés Díaz de socio en ningún proxecto" recordou Ricardo Castro.
“Estamos, evidentemente, preocupados, porque o alcalde non tivese en conta as posibilidades que ofrece a Xunta de Galicia en relación a este tipo de obradoiros e cursos de formación, tanto para formar a veciños en paro e enfocalos a unha nova profesión como para impulsar o futuro laboral dos nosos mozos e mozas”, engadiu Castro.
O portavoz popular tamén lembrou que foi o anterior equipo de Goberno, con Perfecto Rodríguez á cabeza, quen loitou tanto pola implantación de empresas no polígono empresarial de A Reigosa, como é Orbe que conta con 200 traballadores ou Aludec, como pola execución e remate do novo punto limpo que foi solicitado á Xunta no ano 2014. “E agora nos atopamos con que esta infraestrutura está lista para funcionar, o que permitiría contar con novos postos de traballo así como facilitar a recuperación dos residuos producidos polos veciños da localidade e evitar os vertidos incontrolados de escombros e residuos voluminosos”, rematou Ricardo Castro.