O PP esixe ao Ministerio de Transportes a mellora integral do firme e da seguridade viaria nos 60 quilómetros das catro estradas nacionais de Caldas e O Salnés

Venres, 12 de abril de 2024.

O PP vén de esixirlle ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que acometa de xeito urxente a mellora integral do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nos 59,9 quilómetros das catro estradas nacionais que percorren as bisbarras de Caldas e O Salnés, a N-550 e a N-640 coas súas variantes urbanas da N-550A na capital do Umia e da N-640A en Vilagarcía, xa que se atopan nun estado moi deficiente por mor da nula ou escasa labor de mantemento e conservación ao longo dos últimos seis anos.

Os populares fixeron esta reclamación ao pé da N-640 en Caldas de Reis coa presenza dos deputados Ana Pastor e Pedro Puy, o senador José Crespo, os deputados autonómicos María Deza e María Martínez Allegue, os deputados provinciais Isabel Couselo, Javier Tourís e Marcos Guisasola, os alcaldes Ricardo Martínez, Sito Gómez e José María Bello e os voceiros Fernando Pérez, Ana Granja, Manuel Vidal e Estefanía Frieiro.

Os representantes do PP nas distintas cámaras e nestes municipios destacaron o apoio a esta reivindicación, “que se fai máis necesaria ca nunca porque as estradas nacionais están no peor estado da súa historia”, por parte da Deputación de Pontevedra, que vén de aprobar unha proposta do PP Provincial solicitándolle ao Goberno de España a inmediata modernización desta rede estatal nos 317,5 quilómetros das 11 vías destas características que percorren 27 municipios de Pontevedra.

Os populares sinalaron que as catro estradas nacionais que percorren Caldas e O Salnés polos concellos de Vilagarcía, Caldas, Pontecesures, Valga, Portas e Cuntis –que teñen case o 20% dos quilómetros totais das estradas nacionais da provincia– presentan numerosas deficiencias e desperfectos, sobre todo no que se refire ao estado do firme con innumerables fochancas, fendas e desniveis na plataforma, graves problemas de drenaxe, mala sinalización, falla de visibilidade, peraltes deteriorados e cruces perigosos, como consecuencia das escasas ou nulas labores de mantemento e conservación realizadas polo Ministerio de Transportes nos últimos seis anos.

Ademais, indicaron que estas catro estradas de titularidade estatal alleas ás vías de alta capacidade son fundamentais para a vertebración e a mobilidade dos veciños destas bisbarras, posto que son empregadas diariamente por ata 33.170 usuarios por xornada, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD) do propio Ministerio de Transportes.

En concreto, as estradas sobre as que se demanda unha actuación urxente son as seguintes:

Estrada Percorrido IMD máxima Quilómetros
N-550 Pontecesures-Valga-Caldas de Reis-Portas 13.386 21,4
N-550A Caldas 5.022 1,7
N-640 Cuntis-Caldas-Vilagarcía 9.326 31,5
N-640A Vilagarcía 10.458 5,3

Ao respecto, a deputado provincial Isabel Couselo, que tamén presentou mocións de mellora da N-640 no seu Concello como voceira de Cuntis, explicou que esta proposta “é máis que xusta e necesaria porque o deterioro é evidente e perigoso e xurde do propósito do PP de defender ao noso territorio e esixir as melloras que nos corresponden fronte ao maltrato e abandono ao que nos ten sometido o PSOE desde o Goberno de España e, sen dúbida, o mal estado destas catro estradas nacionais é unha das principais preocupacións dos milleiros de usuarios que as empregan cada día”. “Invístese tres veces máis nesta materia en Cataluña malia ter unha rede estatal máis cativa ca galega, e o Goberno de España aínda ten proxectadas ou en marcha certas actuacións nas provincias de Lugo e A Coruña, pero a nosa provincia tena completamente de lado e iso afecta gravemente á seguridade viaria”, detallou Couselo.

Pola súa banda, o voceiro de Caldas, Fernando Pérez, que tamén demandou a necesaria mellora da N-550 e a N-640 no seu municipio, engadíu que esta situación vén de ser denunciada, practicamente a diario, polos distintos grupos municipais dos seis concellos afectados das nosas comarcas, veciños, usuarios, transportistas e ata o sector turístico, “e incluso foi admitida polo propio ministro Óscar Puente o pasado 7 de febreiro no Congreso dos Deputados e tamén polo PSOE e o BNG, que recolleron no seu acordo para a investidura de Pedro Sánchez o arranxo de Tramos de Concentración de Accidentes na N-640 e a N-550, dos que por certo nada sabemos, polo que cremos que hai unha unanimidade que xa se está a converter en clamor”.

Finalmente, Couselo e Pérez lamentaron que o Goberno de España se agoche “detrás dun insuficiente contrato de mantemento plurianual de 112 millóns para cinco comunidades autónomas que non responde ás necesidades que teñen as estradas nacionais das nosas bisbarras e da provincia” e apostillaron que os organismos automobilísticos independentes, como RACE ou AEA, recollen unha ducia de puntos negros na provincia, dos que dez son de titularidade estatal e seis deles correspóndense con estradas nacionais.

Ante esta situación, Ana Pastor, Pedro Puy e José Crespo anunciaron que van seguir coa liña de esixencia e demanda nesta materia ante o Ministerio de Transportes e permanecerán vixilantes en Madrid ante a evolución da proposta aprobada pola Deputación tanto no Congreso como no Senado. Paralelamente, os populares van presentar mocións nos 27 concellos da provincia polas que discorren estas estradas nacionais para seguir dándolle continuidade á reivindicación emprendida desde o organismo provincial presidido por Luis López.