15, marzo, 2023. O Partido Popular considera unha falta de respecto do Goberno Tripartito presumir de boa saúde económica cando Poio é o concello con máis débeda da provincia e na que os seus veciños pagan os impostos e as taxas máis altas.
O candidato á alcaldía, Ángel Moldes, di que “ninguén entende que BNG e PSOE intenten vender que as arcas municipais gozan de boa saúde, cando en febreiro xa existían facturas deste ano 2023 que non dispoñen de partida nos orzamentos, ou cando están valorando solicitar un préstamo pero non se atreven por estar ás portas das eleccións municipais. O capítulo de investimentos está xa totalmente esgotado no orzamento de 2023 e estamos en marzo. É isto ter un concello solvente ou saneado economicamente?”
Ademais, o popular afirma que “cando debes oito millóns de euros aos bancos e tes a débeda máis alta da provincia, non podes presumir de boa saúde económica, nin tampouco pasearse por Poio facendo reunións e prometendo obras que, para colmo, BNG e PSOE non fixeron en 28 anos”.
Polo tanto, engaden desde o PP, os veciños teñen que decidir en maio entre dúas opcións: un goberno con tres alcaldes, tres orzamentos distintos e seguir endebedando a este concello, ou un único alcalde, cun proxecto único e un único orzamento, que priorice o gasto e que pode reducir a débeda, e que despois de tres décadas só o poden ofrecer o Partido Popular e Ángel Moldes.
Recordan que nas últimas eleccións, Silvia Díaz, que será a próxima número 2 na candidatura do PSOE, prometía control do gasto e respectar os procesos administrativos, “e nunca tan mal estivo a xestión do Concello de Poio como na actualidade”. É máis, din que no próximo pleno inclúense varios informes de intervención desfavorables denunciando o mal proceder do tripartito e a falta de control no gasto, incumprimentos de contratación, etc.