O PP pide ao bipartito da Deputación que inclúa nos orzamentos de 2017 un plan para repoñer a herba sintética nos campos máis deteriorados da provincia

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pide ao bipartito da Deputación que inclúa nos orzamentos de 2017 un plan para repoñer a herba sintética nos campos máis deteriorados da provincia

    • Recordan que os primeiros campos construídos xa teñen dez anos, que é o tempo de vida útil que normalmente garanten estes tapices cun uso intensivo.
    • Ángel Moldes esixe ao goberno que sexa previsor, e que convoque unha liña específica independente ao Plan Concellos.

     

    Pontevedra, 09 de novembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular pide ao goberno bipartito da Deputación de Pontevedra que sexa previsor e que reserve nos orzamentos de 2017 unha partida para facer fronte ao mantemento e á reposición de herba sintética nos campos de fútbol da provincia máis deteriorados. O voceiro dos populares, Ángel Moldes, considera que é necesario que convoquen unha liña específica para mantemento e reposición, independente ao Plan Concellos, e recorda que os primeiros campos de herba sintética construídos na provincia xa teñen dez anos, que precisamente é o tempo de vida útil que se garante cando hai un uso intensivo do terreo de xogo.

    Nesta liña, o plan que propoñen desde o PP permitiría comezar a cambiar a herba sintética nos campos nos que o seu deterioro estea xustificado tecnicamente, e dando prioridade aos máis antigos. Ángel Moldes destaca que está demostrado que a construción dos campos de herba sintética por parte da Deputación de Pontevedra foi un proxecto pioneiro en toda Galicia. Recorda que hai máis de cen campos de herba sintética  na provincia, que permitiron aumentar de xeito notable o número de licencias, pero sobre todo, o número de escolas deportivas e de nenos e nenas que practican este deporte nunhas instalacións modernas e de calidade.

    Ademais, entende que este tamén sigue sendo un proxecto importante na actualidade, como así o demostra que o actual goberno bipartito formalizase recentemente convenios co Concello de Pontevedra para a construción de dous novos campos e con Vigo para, precisamente, o mantemento dos tapices máis deteriorados.

    Ángel Moldes apunta que na actualidade existen concellos que están destinando parte do Plan Concellos para repoñer o céspede, o que provoca que teñan que renunciar a prestar outros servizos ou investimentos. Considera que esta vai ser unha práctica xeral no vindeiro ano, como así llo trasladaron alcaldes e os propios clubs deportivos nas reunións que o PP está organizando polas comarcas, e nas que amosaron a súa preocupación por como afrontar os custes para repoñer a herba sintética.

    Por iso insisten os populares que é fundamental que a Deputación de Pontevedra e o goberno bipartito se adiante a esta situación e xa reserve nos orzamentos do próximo ano unha partida económica específica.