Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP DE SILLEDA, AGOLADA, VILA DE CRUCES E FORCAREI SOLICITA O REXISTRO DE SAÍDA DAS SOLICITUDES DE INVESTIMENTOS CURSADAS ANTE A XUNTA PARA 2023

     

    Os voceiros municipais do PP nos concellos de Silleda, Agolada, Vila de Cruces e Forcarei veñen de solicitar o rexistro de saída das solicitudes de investimentos e proxectos cursadas ante a Xunta de Galicia, por parte dos respectivos gobernos locais destes catro concellos, para que foran incluídos nos Orzamentos Autonómicos do ano 2023. Así mesmo, tamén queren coñecer a relación de reunións mantidas ao longo do presente ano, de cara ás contas do vindeiro exercicio, con altos cargos do Goberno galego e o contido das mesmas.

    “Queremos saber, pola labor fiscalizadora que nos corresponde, se os nosos alcaldes fixeron o seu traballo, porque unha das claves do labor dun alcalde é pedir cousas para o seu municipio. E tamén queremos que os veciños coñezan o que fan ou deixan de facer os nosos gobernos locais, xa que teñen dereito a saber ata que punto defenden os seus intereses e loitan por mellorar as infraestruturas e os servizos públicos. Pero moito nos tememos, pola incapacidade política e a vagancia á que nos teñen acostumados, que non pediron nada ou case nada polos condutos que hai que facelo e así é imposible conseguir as cousas”, sinalaron os representantes populares.

    “Para eles é moito mellor non facer nada e deixar pasar os días mirando polas fiestras dos seus despachos e xustificar a súa ineficacia facendo unha rápida rolda de prensa na que nunha hora póñense a criticar á Xunta e tapan as súas miserias, pero dende logo demostran que os nosos veciños non lles importan nada, porque nin defenden os seus intereses nin melloran a súa calidade de vida. Esta é a triste realidade que hai e os cidadáns teñen que sabelo”, manifestaron Ignacio Maril, Carmen Seijas, Jesús Otero e Belén Cachafeiro.

    Os voceiros do PP consideraron “inxustificadas” as queixas dos alcaldes, “que a verdade é que teñen un apoio da Xunta de Galicia bastante forte para non facer practicamente nada”, aínda que admitiron que os investimentos “son mellorables e serían mellores se houbera gobernos locais fortes, pouco desgastados e que tiveran aos veciños como a súa principal prioridade, pero os nosos alcaldes están máis cómodos na crítica que no traballo”. Nesta liña, lembraron que a Xunta está executando obras e vai iniciar outras a comezos do vindeiro ano, con cargo aos Orzamentos 2023, por máis de 4,5 millóns de euros nestes catro municipios.

    Neste senso, Ignacio Maril lembrou que a Xunta está a atender as catro peticións que o alcalde lle cursou ao Goberno galego, xa que están en marcha a rede de camiños da concentración parcelaria de Oleiros e a mellora da estrada Silleda-Laro, xa se comprometu o confinanciamento para a nova casa consistorial con 250.000 euros e está en redacción un ambicioso proxecto para a reforma dos colexios de Silleda e A Bandeira.

    Pola súa banda, Jesús Otero apuntou ao investimento de máis dun millón de euros para a mellora dos 17 quilómetros entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma e lamentou a ineficiencia do executivo local para presentar proxectos acaídos e para desenvolver toda a capacidade de negociación para conseguir financiamento. “Levamos tres anos e medio de paralización absoluta cun goberno cunha raquítica minoría que só se preocupa de si mesmo e de sosterse, pero ten completamente abandonados aos veciños de Cruces”, sinalou.

    En Agolada, Carmen Seijas explicou que as melloras da Xunta estanse a centrar no eido educativo con varias melloras no colexio público e coa próxima instalación dunha pista multideporte despois da recente reforma da estrada cara Rodeiro. “Parécenos unha milagre que haxa calquera cousa para o noso concello, o que demostra que os investimentos galegos seguen a ternos en conta malia o difícil que debe ser para a Xunta tratar cun alcalde coma o noso. O que está claro é que cremos que ten que haber un cambio de goberno local que loite por Agolada, porque os nosos veciños merecen moito máis”, comentou.

    Finalmente, Belén Cachafeiro salientou que a Xunta de Galicia, entre moitas outras cousas, “vai facer o maior investimento no eido educativo de todo o norte da provincia, que é onde se ve o seu compromiso” coa recente adxudicación, por máis de 725.000 euros, da mellora dos colexios públicos de Forcarei e Soutelo. “Só esa actuación é máis elevada que todo o que nos aporta a Deputación, que a verdade é que da o mínimo que nos corresponde, co cal, onde hai números, se desmonta moi facilmente a mentira da alcaldesa sobre os investimentos. A Xunta é quen máis inviste, de longo, en Forcarei e iso que a rexedora, pola súa ineficacia, perde subvencións autonómicas concedidas porque quere perdelas só para criticar, pero quen o paga é Forcarei”, manifestou.

    Os catro voceiros agardan recibir unha resposta dilixente e áxil de todas as solicitudes de investimentos presentadas polos catro concellos nos dez primeiros meses deste ano, xa que os Orzamentos da Xunta adoitan presentarse en outubro, e anunciaron que informarán dos resultados publicamente aos veciños.