Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Alcaldes e voceiros na comarca denuncian que os orzamentos da Deputación para 2023 son anticoncellos e antiprovincia

    • En 2023 o Bipartito conta con 11 millóns de euros máis, entre o aumento do orzamento provincial e os remanentes, pero para o Plan Concellos destinan a pedrea de 1 millón de euros e reducen as transferencias para os concellos en case un 5%.
    • Os populares reclamarán no pleno deste venres unha axuda directa para as traídas de augas xestionadas por comunidades de usuarios, que no rural o 90% das traídas de auga están xestionadas por estas entidades.
    • Denuncian que o Goberno provincial segue sen facer nada para garantir a seguridade na EP-8001, entre Caldas de Reis e Catoira.

     

    27, outubro, 2022.- Alcaldes e voceiros da comarca reuníronse en Caldas de Reis co presidente provincial, Luis López, coa secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e deputados provinciais, nun encontro de traballo para analizar a situación da comarca e coñecer a emenda de devolución que os populares presentaron ao orzamento da Deputación de Pontevedra para 2023.

    Uns orzamentos que, sinalaron durante o encontro, preocupan a alcaldes e voceiros xa que están elaborados de costas ás necesidades e urxencias dos concellos e dos seus veciños. Nesta liña, sinalan que é incomprensible que dos 11 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra vai dispor de máis o ano próximo, entre o aumento do orzamento e os remanentes, desa cantidade só actualicen o Plan Concellos cunha pedrea de 1 millón de euros e reduzan as transferencias para os concellos en case un 5%. Por iso, o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, sinalou que “o PP non pode quedarse mirando mentres o Bipartito PSOE e BNG presentan uns orzamentos que non teñen en conta as necesidades e urxencias dos concellos e dos seus veciños. Non pode ser que todo o que sexa para gasto da Deputación aumente, incluídos os gastos de propaganda e autobombo de Carmela Silva e de César Mosquera, mentres que reducen a súa aportación aos concellos, con todas as dificultades e urxencias que estamos tendo”.

    No encontro, os populares lamentaron a falta de empatía do Goberno provincial, e entenden que “estes orzamentos anticoncellos son un exemplo claro da desconexión absoluta que teñen cos concellos do rural”. Un descoñecemento, engade, que tamén se manifesta na exclusión das traídas de augas veciñais do plan provincial de axudas contra a seca, que provocou que moitos concellos teñan dificultades para acollerse a el. Por iso, Cubela explicou que no pleno provincial deste venres o PP defenderá unha moción para reclamar á Deputación de Pontevedra unha liña directa de axudas para as traídas de augas xestionadas por comunidades de usuarios, que no rural supoñen un 90% dos casos.  “Son as que dan servizo a unha parte importante do rural e é a solución máis eficiente para abastecer a poboacións máis alonxadas, pero para a Deputación de Pontevedra non contan”.

    ESTRADA EP-8001 ENTRE CALDAS E CATOIRA

    Entre outras cuestións, os voceiros de Caldas de Reis e Catoira chamaron a atención sobre que o Goberno provincial continúa sen dar unha resposta para garantir a seguridade viaria na EP-8001, que une estes dous concellos. Unha estrada provincial perigosa, que concentra numerosos accidentes e para a que os populares levan reclamando desde hai máis de un ano unha reforma urxente e en profundidade, que permita cambiar o trazado e eliminar as curvas máis perigosas, así como outras medidas adecuadas para incrementar a seguridade. 

    UNIÓN PARA ACADAR RESULTADOS

    Durante o encontro, Luis López pediu aos alcaldes e voceiros intensificar o seu traballo nos próximos meses. “Debemos seguir traballando duro e unidos para revalidar e consolidar alcaldías, e garantir o cambio no resto de concellos. Somos un partido de Goberno e queremos facer o que mellor se nos dá, que é ofrecer estabilidade e crecemento alí onde gobernamos”.

    Ademais, agradeceu o importante traballo que se está facendo nesta comarca, “hai moita ilusión”, e agradeceu que en cada concello estean traballando de xeito comprometido para renovar equipos e ampliar a base do partido.