Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O Partido Popular critica uns orzamentos “antiprovincia” que “deixan orfos aos concellos e aos veciños nun ano negro”

    • Cubela di que “é inadmisible que todo o que a Deputación gasta en si mesma supere en todos os capítulos a porcentaxe de incremento medio do orzamento, mentres que o que se destina aos concellos sexa inferior”.
    • Recordan que, entre o incremento do orzamento e os remanentes, a Deputación contará con 11 millóns de euros máis en 2023, pero para o Plan Concellos só destinan unha pedrea de 1M€ e as transferencias aos concellos baixan case un 5%.
    • “Se recibisen aos alcaldes, se nos incluíse na súa axenda, se escoitasen máis o que temos que dicirlle, serían capaces de elaborar un orzamento provincial de acorde coas necesidades e urxencias da provincia”, engade.

     

    19, outubro, 22.- O grupo provincial do Partido Popular critica que os orzamentos da Deputación de Pontevedra para o ano 2023 son “anticoncellos” e “antiprovincia”, e “amosan unha clara falta de compromiso. Non están á altura, son uns orzamentos nefastos que deixan orfos aos concellos e á cidadanía nun ano que vai ser negro. É evidente que teñen un nulo coñecemento da realidade, están totalmente afastados da provincia”.

    Así o sinalou esta mañá o voceiro Jorge Cubela, nunha rolda de prensa xunto aos deputados Pepa Pardo e Alfonso Marnotes, na que  recoñeceu que os populares esperaban un documento máis ambicioso por ser o último orzamento do mandato. “Se sumas os remanentes aos orzamentos, conta con 11 millóns de euros máis en 2023. E lonxe de aproveitar estes cartos para apoiar aos pequenos e medianos concellos da provincia e blindar servizos municipais básicos para os veciños, deciden ignorar as súas demandas e necesidades”. O popular lamentou o nulo apoio aos concellos, aos colectivos e entidades da provincia.

    Nesta liña, lamentou que a pesar de todas as demandas “dos alcaldes de todas as cores políticas, e tamén do grupo provincial, actualizan o Plan Concello en 1 millón de euros. Dos 11 millóns de euros, só unha pedrea de 1 millón de euros para o Plan Concellos”. Ademais, explicou que as transferencias que se prevén nos orzamentos para os concellos son incluso inferiores ao ano pasado. “Esta diminución de case un 5%, 3 millóns de euros, carece de xustificación algunha, é absolutamente contraproducente na situación económica que teñen actualmente os concellos e motiva por si mesma a devolución ao goberno do orzamento para a redacción dunha nova proposta”.

    Cubela indicou que a propia memoria da presidencia recoñece que os créditos para gastos do capítulo II experimentan un incremento de máis de 3 millóns de  euros (o que supón unha suba de máis do 8%) como consecuencia do incremento de prezos, “o certo é que as transferencias correntes aos concellos deberían subir exactamente na mesma proporción e non baixar”.

    Tamén aumenta o gasto corrente para a Deputación, sen que se atenda o incremento deste gasto corrente para os concellos, “e, claro está, Carmela Silva e César Mosquera seguen contando cunha importante partida para a súa promoción, autobombo e propaganda, 2 millóns de euros”.

    Os populares lamentan que a Deputación perda “a súa finalidade e obxectivo”, e sinalan que “é inadmisible que todo o que a Deputación gasta en si mesma supere en todos os capítulos o porcentaxe de incremento medio do orzamento e, polo contrario, todo o que transfire aos concellos da provincia sexa inferior a ese incremento. Pero o que é absolutamente rexeitable e debe ser corrixido é que se reduza con respecto ao orzamento inicial deste ano”.

    IMPIDEN DEBATE CRÍTICO

    Cubela salientou que non só o Partido Popular é crítico co rumbo que o Bipartito marca na Deputación de Pontevedra, e recorda que tamén hai “unha base crítica” de alcaldes socialistas da provincia que reclaman máis recursos para os concellos pequenos e medianos da provincia. “Pero nestes anos impediron o debate de ideas e debate crítico. Se recibisen aos alcaldes, se nos incluíse na súa axenda, se escoitasen máis o que temos que dicirlle, serían capaces de elaborar un orzamento provincial de acorde coas necesidades e urxencias da provincia”.

    Desde o PP reclaman “uns orzamentos municipalistas, que sirvan para dar resposta aos problemas e necesidades dos nosos concellos, que non fixeron máis que aumentar nos últimos anos, primeiro coa pandemia e agora con esta crise económica”. O obxectivo, engadiu Cubela, “é claro, sempre foi o mesmo. Queremos que os concellos conten con máis fondos e poidan así seguir prestando servizos á cidadanía. Con esta crise económica e unha inflación tan alta, a prestación de servizos básicos están en xogo. E a Deputación segue sen tomarnos en serio”.

    EMENDA Á TOTALIDADE

    O grupo provincial anunciou que presentou unha emenda á totalidade dos orzamentos, “por insolidarios, e porque non atenden as demandas dos concellos nin da provincia”. A emenda sostense en tres eixes, segundo explicaron esta mañá: “máis transferencias aos concellos, porque non é asumible que só 1 millón de euros, dos 11 millóns de euros máis que conta a provincia para este 2023, sexan para os concellos; que se constitúa un Fondo Financeiro Extraordinario de Anticipos Reintegrables destinados aos concellos de menos de 50 mil habitantes; e se aprobe unha convocatoria de subvencións ás comunidades de auga da provincia, que son as que xestionan o 90% das traídas de auga do rural”.

    “No PP apostamos polos concellos e pola provincia. Nós cremos nas deputacións, e queremos que estea comprometida cos nosos concellos e disposta a axudalos a saír adiante”.