Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP sinala que os “cutre” orzamentos do Goberno para Pontevedra afectan negativamente á competitividade, mobilidade e crecemento da provincia

    • Ana Pastor critica que “intentan atribuírse o Gran Montecelo, unha iniciativa que planifica, executa e paga a Xunta, para enmascarar as contas. Un auténtico engano”
    • Pilar Rojo denuncia a falta de execución dos orzamentos deste ano, e pregunta “onde se gastaron os cartos que estaban destinados para Pontevedra e non se executaron”.
    • “Estes orzamentos non traen nin unha soa infraestrutura o investimento que contribúa á mellora da competitividade, nin da economía nin da mobilidade. Só nos queda esperar a que sexan os últimos orzamentos do Goberno socialista”, sinala Diego Gago.

     

    07, outubro, 22.- Os deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra cualificaron hoxe que os “cutre” orzamentos do Goberno central para a provincia supoñen “un abandono e engano, e afectan negativamente á súa competitividade, mobilidade e crecemento”. Nesta liña, sinalan que a pesar de ser o ano de máis recadación da historia de España e con maior gasto público, os investimentos para Galicia e para a provincia quedan conxelados, e non apostan por ningún novo investimento. Son un corta e pega do exercicio pasado de proxectos que non se executaron.

    Foi durante unha rolda de prensa, na que participaron os deputados nacionais Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, así como a senadora Pilar Rojo. Pastor lamentou que “ante a vergonza absoluta dos orzamentos sen executar do ano 2022 -e puxeron como exemplo o Nó de Bombeiros ou a Circunvalación de Pontevedra-, intentan atribuírse o Gran Montecelo para enmascarar os cutre orzamentos para Pontevedra”. Recordan que este é un proxecto da Xunta de Galicia, “é unha iniciativa que planifica, executa e paga a Xunta coas súas diferentes fontes de financiamento”. É como si a Xunta, explicou Pastor, pon en proxectos contables do seu orzamento as obras que fan os concellos co Fondo de Cooperación Local. “Un auténtico engano”, engadiu.

    A senadora Pilar Rojo di que “non apostan nin pola provincia nin pola cidade. Cada ano reescriben os mesmos proxectos. Pero de que vale escribir sobre o papel proxectos si ao final non se executan”. E por iso preguntou, “onde se gastaron os cartos que ían para proxectos en Pontevedra e que non se executaron?”.

    Con respecto á cidade, fixo un repaso polo Nó dos Bombeiros, “que volve a aparecer porque non fixeron nada e ademais baixan a partida. Volvemos a falar da Circunvalación de Pontevedra, onde non hai nada novo. E foron incapaces de executar a fachada do Arquivo histórico de Pontevedra”. Tamén bota en falta partida para a UPR da Policía, “para a que destinan cero euros, e demostran que a pesar de todas as nosas peticións e demandas seguen sen apostar por ela”, o mesmo caso das variantes da Estrada ou de Pontecesures-Valga.

    “Non hai vontade de apostar por esta provincia. Querer lavarse a cara con investimentos que son doutra administración é grave. Queremos que os deputados e senadores socialistas de Pontevedra dean a cara e expliquen á cidadanía por que non defenderon esta provincia e por que consenten estes orzamentos”.

    Tamén Diego Gago fixo fincapé na falta de compromiso con outros investimentos fundamentais para “garantir a mobilidade e a capacidade para exportar e desenvolver a nosa economía”, e denunciou que un ano máis o Goberno central volve a elixir o Corredor Mediterráneo fronte ao Atlántico. “Xa o denunciamos o ano pasado, e hoxe volvemos a ver como seguen focalizando no Corredor Mediterráneo o crecemento e a maioría dos investimentos”.

    Tamén lamentou tamén a falta de compromiso coa conexión Vigo-Oporto. “O goberno portugués ten claro que a conexión de Portugal debe facerse por Galicia, entre o norte de Portugal e a provincia de Pontevedra. Pero o Goberno de Pedro Sánchez decidiu incluír unha partida denominada Vigo-Oporto con 0 euros orzamentados. Unha tomadura de pelo”. A mesma falta de compromiso para o AVE a Vigo a través de Cerdedo, “que segue en estudio e despois de anuncialo a bombo e platillo e de que Abel Caballero entregase a medalla de ouro da cidade á presidenta de Adif, seguimos outro ano máis sen ningún tipo de vontade do Goberno para materializar esta obra”. Ademais destes proxectos, tamén se referiu á falta de conexión do Porto de Vigo coa saída sur, a obra da Avenida de Madrid ou a solución do problema de alta tensión para Stellantais”.

    “Estes orzamentos non traen nin unha soa infraestrutura o investimento que contribúa á mellora da competitividade, nin da economía nin da mobilidade. Só nos queda esperar a que sexan os últimos orzamentos do Goberno socialista”, sinalou.

     

    HIPOTECANDO O FUTURO DOS ESPAÑOIS

    Para Ana Pastor, estes orzamentos “son a penúltima mentira” de Pedro Sánchez, “non protexen á clase media e traballadora, que perde máis dun 20% do seu poder adquisitivo por negarse a axustarse o IRPF á inflación como leva pedindo Núñez Feijóo desde hai uns meses”.

    Ademais, sinala, “son uns orzamentos irreais que xa nacen invalidados”, e referiuse a que en menos de 24 horas o Banco de España e a IDEF xa cuestionan o incremento que sinala o Goberno.

    “Só arranxan os problemas do Señor Sánchez. Están hipotecando o futuro dos españois, mentres temos o Goberno máis numeroso, máis caro, con máis asesores, que máis gasta en propaganda e que se sube o soldo nun 4%”.

    Por iso, di que non son orzamentos sociais, “son orzamentos socialistas. Saímos con máis impostos, máis pobreza, máis déficit e máis débeda”.