Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP de Pontevedra reivindica o potencial do cinema galego para traspasar fronteiras

     

    • Destacaron “o investimento da Xunta de Galicia na vila, con obras como a ampliación do Museo Massó por máis de 1,1 millóns de euros que se realizará antes do fin do 2023 ou os 225.000 euros da sala arqueolóxica do Bueu romano”.
    • “É imprescindible que o goberno local crea no potencial cultural de Bueu poñendo os medios necesarios, xa que a vila ten carencias en numerosos eidos”, destacou a popular Elena Estévez.

    23, setembro, 22.- O PP de Pontevedra reivindicou “o traballo dos profesionais que fan hoxe de Galicia unha potencia cultural, desde eidos como o cinema, a artesanía ou a música”, poñendo o foco en iniciativas como o FIC Bueu, con cuxo equipo directivo mantiveron unha xuntanza. “É profundamente frutífero que poidamos ter este diálogo permanente cos sectores culturais, no que seguir a coñecer de primeira man as súas demandas, tal e como leva facendo a Xunta de Galicia durante anos”.

    Así o expresaron os populares nunha visita da Comisión de Cultura do PPdeG, presidida polo coordinador deste eido, Daniel Chapela, ás mámoas de Castiñeiras, o Museo Massó e a unha reunión co FIC Bueu, na que tamén estiveron acompañados polo presidente provincial do Partido Popular, Luis López, a voceira do PP local, Elena Estévez, e o director da AGADIC, Jacobo Sutil, quen tamén é membro da Comisión. Segundo resaltaron, “a Xunta de Galicia traballa arreo na cultura galega, do que é unha mostra clara o investimento que se vai facer nestes anos na vila de Bueu”. “Antes de finais de 2023, a Xunta acometerá a ampliación do Museo Massó, un proxecto que xa está na fase de licitación da redacción do proxecto e que suporá unha achega de máis de 1,1 millóns de euros”, subliñou López Diéguez, aludindo tamén ao investimento de máis de 200.000 euros na creación da sala arqueolóxica do Bueu romano.

    Ademais, tanto López Diéguez como Sutil puxeron tamén o foco sobre que neste 2022 o goberno galego destina máis de 7,2 millóns ao conxunto da industria audiovisual, “creando novas ferramentas para facilitar a captación de rodaxes que poñan en valor a nosa terra e que xeren riqueza ao longo de Galicia, como a plataforma Galicia Film Commission”.

    Na súa intervención aos medios, a delegación popular apuntou como un dos eixes do seu traballo no eido cultural “o de seguir a potenciar a cultura, unha cultura na lingua propia de Galicia e con afán internacionalizador, tal e como demostran fenómenos coma o de O que arde ou as Tanxugueiras”. “Niso traballou a Xunta coa creación do PERTE cultural que aínda hoxe segue pendente de aprobación por parte do Goberno Central e niso seguiremos traballando desde o noso partido e nos 313 concellos galegos”.

    O FUTURO CULTURAL DE BUEU

     

    Durante a visita, os populares esixiron que “o goberno de Félix Juncal empece a crer na cultura como un dos eixes de creación de emprego e de mellora da calidade de vida da veciñanza”. Así, reivindicaron “o valor da cultura para xerar emprego e fixar poboación, un factor, pois, a ter en conta nun concello que caeu por baixo dos 12.000 habitantes por primeira vez no século”.

    Dese xeito, a voceira popular, Elena Estévez, destacou “o potencial da vila como un dos núcleos culturais de toda a provincia”: “temos o museo do mar máis importante de toda Galicia, uns colectivos con forte interese en desenvolver a nosa cultura e grandes referentes en eidos como o cinema, tal e como demostra o traballo do FIC Bueu”.

    Así, Estévez fixou varias tarefas pendentes do goberno local, entre as que destacou “a necesidade de que se realice unha programación máis ampla e variada durante todo o ano, non só no verán”, pois “actualmente non existe iniciativa por parte de BNG e ACB durante o resto do ano, alén de deixar facer aos colectivos pola súa propia conta, tal e como demostra que nunca haxa novas propostas nas comisións informativas”. “Vivimos ano tras ano diante do mesmo guión”, aseverou.

    Xa que logo, reivindicou “un xiro de temón e unha nova política de xestión dos nosos espazos patrimoniais”. “Tal e como conversamos hoxe co conxunto da Comisión de Cultura do PPdeG, a promoción do noso patrimonio é unha das grandes tarefas pendentes de Félix Juncal logo de 15 anos de mandato”, sinalou, subliñando que “a día de hoxe boa parte dos bens patrimoniais como as mámoas de Castiñeiras ou a ruta dos muíños do Canudo son inaccesibles pola maleza, tendo a súa cartelería ilexible e sen accións por parte da Concellería de Patrimonio para a súa posta en valor”.