Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP busca apoios na Deputación para reclamar ao Goberno unha operación para localizar e inspeccionar o Villa de Pitanxo

    • Cubela confía en que o acordo se aprobe por unanimidade, xa que “non é só unha cuestión de humanidade, senón de necesidade para coñecer as causas do suceso e evitar que se repitan casos semellantes”.

     

    16, xuño, 2022.- O grupo provincial buscará apoios na Deputación de Pontevedra para reclamar ao Goberno central unha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque Villa de Pitanxo, descender ao mesmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como recoñecer os seus arredores e a zona exterior do buque para verificar a posible localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.

    O voceiro popular, Jorge Cubela, apunta que en pasadas semanas o Goberno de España comprometeu publicamente a súa implicación na procura de medios para descender, previa procura, ao pecio do buque “Villa de Pitanxo”. Transcorrido un prazo prudencial, e tras a falta de noticias, sinálase que non se acometerá esta operación, “o que xera un feito vergoñoso e doloroso pola clara falta de respecto aos 21 falecidos, ás súas familias e a todo a xente do mar”.

    Para os populares, a escusa de non poder atopar os corpos ou a imposibilidade de acceder ao interior do buque non é óbice para que se acometa a baixada ao pecio afundido, e poder gravar en que situación e circunstancias atópase o buque. “Non é só unha cuestión de humanidade, senón de necesidade para coñecer as causas do suceso e evitar que se repitan casos semellantes”, apunta.

    Nesta liña, recordan que a Fiscalía sinalou a existencia de indicios de homicidio imprudente no afundimento do “Villa de  Pitanxo”, cuestión pola cal o visionado do estado do barco lanzaría máis datos para o bo discorrer da investigación e, consecuentemente, para o esclarecemento da verdade.

    Por iso, para o PP resulta imprescindible que o Goberno de España colabore coa Xustiza para que se achegue esta proba que pode contribuír de forma importante a coñecer a verdade, “xa que todos temos dereito a coñecela e o Goberno central a obrigación de procurala”. Segundo sinala Cubela, “todos debemos estar de acordo en que é de xustiza e necesario que o Goberno central se  comprometa, e por iso confiamos en que esta moción saia adiante cun acordo unánime de toda a corporación”.

    Por último, o popular amosa “o noso apoio, o noso ánimo e a nosa solidariedade cos familiares dos falecidos no Vila de Pitanxo, así como coas súas lexítimas demandas e reivindicacións porque son de xustiza”. Ao mesmo tempo, expresa o ánimo aos tripulantes e familiares da vítimas e dos feridos do atunero vigués que sufriu onte unha explosión nas Seychelles.