O pasado mes de maio, por unanimidade da Corporación municipal acordouse a adhesión á medida propostas pola Xunta de Galicia,
Pontevedra 27, outubro, 2016.- O Grupo Popular quere coñecer os motivos polos que a día de hoxe o Concello de Pontevedra aínda non iniciou os trámites para adherirse ao Programa Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia. Pregunta que formularán na vindeira Comisión de Benestar Social e que presentaron este mesmo xoves.
Na sesión plenaria celebrada o pasado mes de maio, acordouse por unanimidade da Corporación municipal a adhesión a este programa. Unha medida que permitirá mobilizar as vivendas baleiras do municipio, xa sexan propiedade municipal ou de terceiros, co fin de destinalas a alugueiro social, “favorecendo así que os colectivos máis vulnerables logren ter acceso a unha vivenda”, destacou hoxe o edil popular, César Abal.
“Sen dúbida algunha, trátase dun asunto de vital importancia para o que é necesaria a colaboración entre as distintas administracións”, matizou, “polo que queremos coñecer cales son os motivos polos que o BNG de Lores aínda non tramitou nin tan sequera a solicitude de adhesión”.
A día de hoxe, 43 concellos galegos xa solicitaron a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras, mentres que Pontevedra, a pesar de ser un dos primeiros concellos en aprobar en Pleno esta inclusión hai xa cinco meses, aínda non ten iniciado ningún trámite.