Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • A provincia de Pontevedra contará con 456 compromisarios no Congreso do PPdeG

    • As 61 xuntas locais da provincia estarán representadas.
    • Rueda reúnese cos coordinadores comarcais do PP provincial, que amosan “apoio total” á súa candidatura para presidir aos populares galegos.

     

    25, abril, 2022. Un total de 456 compromisarios representarán á provincia de Pontevedra no 18 Congreso do PPdeG que se celebra o 21 e 22 de maio na cidade do Lérez, polo que unha vez máis volve a ser a provincia con máis representación no cónclave.

    As 61 xuntas locais da provincia estarán representadas. Un total de 387 compromisarios electos repartiranse entre todos os concellos, aos que hai que engadir 7 representantes de NNXX. A maiores, tamén formarán parte desta delegación as 60 persoas da provincia que forman parte da xunta directiva autonómica na súa condición de compromisarios natos, condición que comparten tamén as persoas que forman parte da Comisión Organizadora do Congreso, no caso de Pontevedra, o secretario xeral do PP de Vigo, Alberto Fuentes, e a presidenta do PP de Agolada, Carmen Seijas. Así, entre natos e electos, a provincia estará representada por 456 compromisarios.

    Esta foi unha das cuestións que se trataron na reunión que o presidente provincial, Alfonso Rueda, mantivo cos coordinadores comarcais, na que todos quixeron amosar “apoio total” á súa candidatura para presidir o PPdeG. Deste xeito, todos coincidiron en que Rueda é a persoa indicada para asumir a presidencia, non só pola súa traxectoria no Goberno e no partido, senón tamén pola súa capacidade de traballo, dedicación e experiencia. “Non hai outra persoa mellor preparada para este relevo, e por iso amosamos o apoio de toda a provincia para esta nova etapa”, sinalan.

    Alfonso Rueda, que continúa coa recollida de apoios á súa candidatura por toda Galicia, amosa o seu agradecemento por todas as mostras de apoio, e comprometeuse a traballar de xeito intenso para cumprir seguir mantendo a estabilidade extraordinaria de Galicia e revalidar a cuarta maioría absoluta en 2024, pero antes, tamén, conseguir un Goberno de España con Núñez Feijóo.

    Xunto con Rueda e o secretario xeral do PP de Pontevedra, na reunión participaron Julio García Comesaña, coordinador da área de Vigo; Marta Valcárcel Gómez, do Condado; Julio García-Luengo, de Paradanta; Roberto Álvarez Carrero, do Baixo Miño; Román Rodríguez, Deza; Fernando Pérez, de Caldas-Umia; Elena Estévez, do Morrazo; Javier Tourís, do Salnés; Valentín García, de Tabeirós; Ana Simóns, Val Miñor: e Alberto Acuña, da zona de Pontevedra.