Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP reclama á Deputación un plan de apoio aos concellos para paliar o incremento desmedido do gasto

    • Sinalan que, de media, o gasto dos concellos está aumentando entre o 40 e o 50%, “unha situación límite que pode repercutir no funcionamento ou prestación de servizos municipais básicos”.

     

    24, marzo, 2022.- Os deputados provinciais do PP, Pepa Pardo, Javier Tourís e Paz Lago, acompañados pola voceira municipal do PP de Vilagarcía, Ana Granja, compareceron hoxe en rolda de prensa para presentar a moción coa que reclaman á Deputación de Pontevedra un plan específico de apoio aos concellos ante o incremento desmedido do gasto municipal.

    Acompañados pola deputada autonómica Elena Suárez e varios membros do grupo municipal, os populares elixiron Vilagarcía para presentar esta moción que se debaterá mañá no pleno provincial e coa que, segundo Pepa Pardo, pretenden “axudar a paliar esta crise que non deixa indiferente a ninguén e que está a afectar tanto a empresas, como a autónomos e por suposto ás familias”. Unha crise provocada pola “subida histórica no gasto da luz, enerxía, gas e carburantes” e que chega tamén aos concellos.

    A vicevoceira do grupo popular provincial asegura que esta situación deriva nunha “desviación orzamentaria histórica e insostible” nas contas municipais e que, polo tanto, a Deputación “ten o deber de reaccionar e actuar dun xeito eficaz, eficiente e inmediato para evitar o colapso financeiro dos concellos”.

    Tanto Pepa Pardo como Paz Lago insistiron en que durante os últimos tempos os concellos tiveron que asumir xa un gasto extraordinario en materia social a causa da pandemia, polo que actualmente se atopan desbordados. “Os concellos planificamos cada ano os diferentes programas, pero toda esa planificación cae agora por unha situación allea á veciñanza”, sostén Lago.

    Así, o incremento do prezo afecta ao alumeado público, o mantemento das instalacións municipais, pavillóns, centros sociais, depuradoras, centros sociais e culturais, a recollida de lixo, as reparacións das brigadas, melloras dos camiños.... son servizos directos afectados, pero hai outros moitos, fundamentais, que tamén corren perigo. Poñen de exemplo as axudas municipais para as familias en situación de vulnerabilidade, cuxas necesidades básicas teñen que ser cubertas en gran medida polos concellos en calidade de administración máis próxima á cidadanía. Neste sentido, Paz Lago cifra nun 40% o aumento de solicitudes deste tipo de axudas nos concellos da comarca do Salnés e polo tanto fai un chamamento a que “todas as administracións nos unamos, para axudar non só aos concellos, senón tamén a estas familias”.

    Pola súa banda, Javier Tourís fixo público “o sentimento de preocupación que nos chega desde todos os concellos” e instou “ao bipartito que goberna a Deputación” a que “teña vontade política, estea á altura das circunstancias e faga valer as súas competencias”. Facendo fincapé en que “a misión da Deputación é axudar aos concellos” e que a situación económica fai viable esta demanda dos populares: “En 2021, o Goberno tivo dispoñibles ata 363 millóns de euros, dos que só executou o 42% dos seus recursos. Polo tanto, é cuestión de vontade política, de querer facelo e de asumir as súas competencias”.

    Finalmente, a voceira municipal Ana Granja anunciou que o Grupo Municipal Popular de Vilagarcía defenderá esta mesma moción no pleno municipal da próxima semana porque “Vilagarcía non é allea a esta problemática e, dadas as circunstancias, consideramos que a Deputación ten que arremangarse e colaborar”.

    Argumentou que “cando soben os gastos, só hai dúas opcións: ou recortar servizos ou amentar os ingresos vía impostos” e, polo tanto, “non queremos que Vilagarcía teña que sufrir debido a esta crise nin un recorte dos servizos municipais nin que nos suban aínda máis os impostos”. Algo que afectaría dobremente á cidadanía vilagarcía, posto que “teríamos que facer fronte ao incremento dos seus gastos domésticos e, ao mesmo tempo, pagar tamén o incremento dos gastos do Concello”.