Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP sinala que os concellos están ao límite e esixe á Deputación un plan específico para axudar co incremento dos gastos da luz, combustible, gas e subministros

    • Pepa Pardo sinala que, de media, o gasto dos concellos está aumentando entre o 40 e o 50%, “unha situación que pode repercutir no funcionamento ou prestación de servizos municipais básicos”.
    • María Ramallo: “Os concellos non temos capacidade nin posibilidade de poder sacar cartos doutras partidas para poder facer fronte a estes imprevistos. Son servizos de competencia municipal, e suporía recortar, reducir, retroceder ou incluso deixar de prestar algún deles”.

     

    23, marzo, 2022.- O Partido Popular presentará unha moción na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia para reclamar ao Goberno provincial un plan económico específico para que os pequenos e medianos concellos poidan facer fronte aos gastos imprevistos ocasionados polo incremento desmesurado do prezo da luz, do gas, do combustible ou dos subministros. Así, a deputada provincial Pepa Pardo explica que no pleno provincial deste venres reclamarán á Deputación “que asuma as súas competencias propias en materia de colaboración económica cos pequenos e medianos concellos da provincia, e que teña unha implicación directa para sufragar este incremento do gasto corrente que, a día de hoxe, está aumentando entre o 40 e o 50% para que, deste xeito, os concellos poidan destinar os seus recursos a seguir atendendo as súas competencias municipais e de primeira necesidade para a cidadanía”.

    Pardo fai este anunciou desde Marín, xunto os deputados provinciais Elena Estévez e Ángel Rodal, a alcaldesa María Ramallo e concelleiros, para chamar a atención sobre “o principal problema que agora tamén recae sobre os concellos, unha situación límite para os concellos, que pode repercutir no funcionamento ou prestación dos servizos municipais”.

    Ramallo recoñece que “estamos practicamente ao límite, non sei como imos facer para poder afrontar todas estas subidas. Os concellos non temos capacidade nin posibilidade de poder sacar cartos doutra parte para poder facer fronte a estes imprevistos. Son servizos de competencia municipal, e suporía recortar, reducir, retroceder ou incluso deixar de prestar algún destes servizos que son fundamentais. É un problema compartido a todos os concellos e por iso non podemos deixar que avance, porque nos deixa nunha situación de desequilibrio económico moi importante”. Refírese, “non só ao incremento da enerxía eléctrica, que no caso de Marín a día de hoxe é o dobre, senón tamén o gasto en combustible, o subministro para que as brigadas municipais fagan ao seu traballo, ao que hai que engadir tamén toda a problemática que estes incrementos supoñen para as empresas que traballan para a administración e que, sen dúbida, ven desequilibrados os seus orzamentos e non poden realizar as súas obras, servizos e subministros sen resultar gravemente afectadas”.

    Pola súa parte, Elena Estévez apuntou que o alumeado público, o mantemento das instalacións municipais, pavillóns, centros sociais, depuradoras, centros sociais e culturais, a recollida de lixo, as reparacións das brigadas, melloras dos camiños.... son servizos directos afectados por este incremento dos prezos, pero hai outros moitos, fundamentais, que tamén corren perigo. “Servizos básicos de apoio ás persoas, porque non podemos esquecer que se multiplican tamén as axudas de emerxencia social de familias en situación de vulnerabilidade, que son incapaces de asumir estes gastos, ou familias que aínda están padecendo as consecuencias económicas provocadas pola crise sanitaria e que precisan axudas para pagar a vivenda ou alimentos, cuxo custe se está incrementando aproximadamente nun 22%”.