Pontevedra, 20 de outubro de 2016.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, entende que coa rectificación que Carmela Silva anuncia do Plan Concellos “está recoñecendo o fracaso absoluto do seu proxecto estrela este ano”. Así, considera que esta decisión “vén a demostrar que o PP non dicía tonterías, que o único grupo que transmitía unha mensaxe real e que representaba a todos os alcaldes da provincia era o noso”.
Nesta liña, o popular entende que “é unha rectificación en toda regra, na que dá a razón ao PP”, e recorda que desde o primeiro momento os populares criticaron que ese non era o plan que precisaba a provincia e que non representaba a realidade e as necesidades dos concellos.
“Non convencía a ninguén. Se recúan non é por darlle mérito ao PP, é porque os alcaldes socialistas e nacionalistas opinan que é un plan que non funciona, que non chega aos concellos e que tiña moitos segredos”, critica o voceiro.
Por iso, Ángel Moldes defende que “é momento de que aposten por un reparto novo dos fondos e que o fagan con diálogo”, e insiste en que a mellor opción é que a presidenta convoque a todos os alcaldes para crear unha comisión na que decidir por maioría as liñas xerais de reparto dos recursos económicos e a cantidade que a institución provincial destina aos concellos. “O único que lle pedimos é que escoite aos alcaldes, que son as voces máis autorizadas de cada concello, que aposte polo diálogo e que se deixe de confrontacións”, apunta.
Neste sentido, afirma descoñecer cal é o problema que ten para reunir a todos os alcaldes, e sinala que “é inconcibible que a estas alturas de mandato aínda non coñeza a algúns dos alcaldes da provincia”. Neste senso, recordou que hai alcaldes que teñen ata tres peticións de entrevistas coa presidenta e continúan sen ser recibidos.