Durante un encontro mantido este mércores cos veciños.
Pontevedra, 14 de setembro de 2016.- A candidata ao Parlamento de Galicia pola provincia de A Coruña e conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ratificou hoxe en Lourizán “o compromiso firme do PPdeG e do PP de Pontevedra coa Ría de Pontevedra e o seu saneamento”. O fixo durante un encontro que mantivo cos veciños da parroquia e no que estivo acompañada polos candidatos da cidade, Guadalupe Murillo e Jacobo Moreira, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.
Mato lembrou que o PPdeG traballa nesta liña dende o ano 2009, coa declaración de especial sensibilidade, e a partir do 2015 coa declaración de obra de interese, “das nosas rías vivimos, traballamos, comemos e gozamos, son a nosa prioridade”. “O noso compromiso coa Ría de Pontevedra está reflectido xa nos orzamentos deste ano, nos que se destinaron arredor de 11 millóns de euros para actuacións en Marín, Poio e na redacción dun Plan de Saneamento, que xa está adxudicado e no que se está a traballar”, salientou.
Neste sentido, Beatriz Mato apelou á colaboración entre administracións. “Se o PPdeG volve gañar as eleccións o 25 de setembro, a Ría de Pontevedra seguirá sendo prioritaria e estaremos ao fronte para darlle unha solución definitiva en materia de saneamento”, manifestou Mato, “pero non podemos ser os únicos, senón que os concellos da Ría deberán desenvolver as súas competencias”.
O Plan de Saneamento, no que xa se está a traballar, será a folla de ruta que seguirá o Goberno de Feijóo de cara aos investimentos que se destinen ata o ano 2020. Concretamente, máis de 45 millóns de euros, única e exclusivamente da Xunta de Galicia, “aos que se engaden os 15 millóns de euros de Ence, aos que logramos que se comprometeran”, sentenciou Beatriz Mato.