Poio, 18 de xullo de 2016.- O Partido Popular de Poio reafirmou hoxe a súa intención de que as asociacións veciñais sociais, culturais de deportivas do concello “estarán representadas” no reparto dos fondos do pacto ambiental asinado entre a Xunta de Galicia e a empresa Ence.
O presidente local, Ángel Moldes, comunicou este compromiso ós representantes dos distintos colectivos veciñais activos en Poio, nunha reunión convocada ó efecto e á que asistiron a maioría de directivos e representantes veciñais.
En particular, explicaron os populares, queren que as propostas dos colectivos poienses obteñan financiación dentro do programa marco recollido no pacto ambiental, que investirá 3 millóns de euros en actuacións de caracter social e ambiental nos concellos de Poio, Marín e Pontevedra. Estes fondos se convocarán todos os anos mentres dure a concesión da fábrica pontevedresa.
A asignación de fondos decidirase cada ano nunha Comisión mixta de seguimento, sobre a que a Xunta informou ós Concellos implicados –incluido Poio- sen que o bipartito local teña dado unha resposta oficial.
Para Moldes, “aproveitar ou deixar pasar unha ocasión coma esta non pode ser unha decisión unilateral do Concello”, e esixiu que “se escoite ós principais beneficiarios ou perxudicados: os veciños e as asociacións”.
Moldes recordou que Poio ten a sorte de contar cun tecido asociativo extraordinario, cunha gran cantidade de asociacións de todo tipo –veciñais, sectoriais, recreativas- que prestan un impagable servizo ós veciños a costa dun gran sacrificio persoal dos seus integrantes e moitas veces pese o desinterese do Concello ou da actual deputación: «A parte correspondente destes tres millóns pode sufragar as actividades, por exemplo, das confrarías ou os distintos eventos culturais –concertos, exposicións...- ou deportivos que se fan cada ano en Poio».
Entre as accións propostas, o voceiro popular anunciou que pedirá unha convocatoria extraordinaria do Consello Municipal de Deportes, no que están representadas a maioría de entidades deportivas de Poio, para que se pronuncien sobre se queren aproveitar estes cartos.
Ademais, os Populares solicitarán o Concello que celebre unha reunión co resto de asociacións de Poio e se lles pregunte se desexan participar ou non deste financiamento. En palabras de Moldes, “a decisión non pode ser un capricho do goberno: ten que pensar no que máis lle convén ós veciños e a Poio”.
O voceiro popular indicou tamén que en próximas datas esixirán que o goberno local conteste inequivocamente se recibiu a carta convocándoo a este “pacto ambiental” e por que ocultou esta información ós colectivos de Poio.