Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Veciños de Chancelas denuncian as condicións antihixiénicas dos contedores da rúa Urxeira

    • Alertan da presenza de cheiros, ratos e cucarachas pola falta de limpeza e o estado lamentable dos contedores de lixo, que ademais de insuficientes e carecer de depósito para a recollida selectiva, están «vellos e rotos».
    • O PP trasladará as denuncias dos veciños, que piden unha actuación urxente de limpeza, desinfección e substitución na zona.

     

    Poio, 6 de agosto de 2018.- O PP de Poio fíxose eco este luns das denuncias dos veciños da rúa Urxeira, en Chancelas, na parroquia de Combarro, polas condicións “antihixiénicas” dos contedores que dan servizo á urbanización e ás vivendas colindantes.

    Os veciños denuncian a presenza de fortes cheiros así como de ratos, cucarachas e outros insectos e pragas a raíz, aparentemente, das malas condicións e a inadecuación destes contedores.

    Así, só hai dous contedores habilitados para a vintena de vivendas da urbanización “Mar Tambo” e para o resto de veciños da rúa, e ademais son dun modelo antigo, con roturas e fugas, e de menor capacidade que os modelos modernos. O deficiente estado e cantidade do material provoca, segundo os veciños, frecuentes desbordamentos e condicións insalubres, cos referidos cheiros e pragas.

    Asimesmo, non hai contedores de recollida selectiva, polo que os veciños que queiran depositar vidro, envases ou outras fraccións deben desprazarse ata a PO-308, o que xunto á frecuencia de recollida, as pragas, os cheiros e o estado insalubre xera unha situación insostible que esixe medidas urxentes.

    A concelleira Rocío Cochón, que trasladará estas demandas veciñais á comisión de urbanismo, visitou este luns a zona para coñecer de primeira man a situación denunciada polos residentes.

    Cochón comprobou a presenza de cheiros e o estado dos contedores, nos que ademais de fendeduras e falta de limpeza, poden verse aínda indicativos da anterior concesionaria.

    A concelleira popular comunicará este martes á comisión municipal as denuncias dos veciños e solicitará unha actuación de limpeza, desinfección e substitución deste material, e que o concello tome medidas neste asunto dunha vez, algo necesario «non só na rúa Urxeira, senón en todo Poio». Cochón solicitará a retirada dos contedores rotos, a colocación de contedores modernos e de recollida selectiva, e que se cumpran os requisitos de recollida, limpeza e lavado nesta zona.

    Precisamente esta semana os populares están denunciando a falta de renovación do material de recollida por parte da empresa Valoriza, coa complicidade do Bipartito, pese aos aumentos de retribución por parte do concello.

    Os populares detectaron máis de 300 contedores obsoletos nas distintas parroquias, e a falta de limpeza e de mantemento por parte de concesionaria, xunto con moitas outras irregularidades.

     

    O PP presentou un “mapa das mentiras do lixo” e abriu esta campaña de denuncias á colaboración dos veciños. Os residentes da rúa Urxeira advertiron do estado insalubre destes contedores, chegando a denunciar que cada pouco están «matando cucarachas», polo estado dun material «que ningún veciño desta zona viu limpar».