Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • A Deputación de Pontevedra suspende en Transparencia e recibe un cero en “Información ao Cidadán” e “Planificación”

    • A plataforma independente Dyntra, que avalía o grado de transparencia das institucións, outorga á “Nova Deputación” un 39,66 sobre 100 e unha puntuación moi baixa en “Transparencia Institucional” e “Participación Cidadá”.
    • Para Ángel Moldes, esta valoración por parte dunha organización independente confirma as denuncias de opacidade do PP: “O Bipartito presumía de abrir as portas e as fiestras da Deputación e a converteron nunha institución pechada aos cidadáns”.

     

    Pontevedra, 10 de febreiro de 2018.- A plataforma independente Dyntra, que analiza a información facilitada por gobernos e administracións públicas aos cidadáns, outórgalle á “Nova Deputación” un suspenso en Transparencia no índice DDP, centrado nos gobernos provinciais, dispoñible en https://www.dyntra.org/indices/gobiernos-provinciales-e-insulares/#diputaciones-provinciales  

    Este índice avalía 179 indicadores dos que a institución gobernada por Carmela Silva cumpre menos da metade, 71, para unha puntuación de 39,66 sobre 100. A análise de Dyntra divídese en 6 apartados, dos que a Deputación de Pontevedra sae peor parada en “Transparencia Institucional”, a relativa á información sobre o funcionamento da propia institución, onde apenas cumpre unha cuarta parte dos parámetros avaliados, e “Participación Cidadá”, con 3 indicadores de 18 (menos do 17%).

    Ademais, a institución provincial recibe un rotundo cero nos subapartados de “Planificación e Organización da Deputación”, e “Información e Atención ao Cidadán”, nos que non cumpre ningún dos indicadores analizados.

    Esta cualificación situa á Deputación de Pontevedra no posto 3 dos 4 entes provinciais galegos, só por riba da Deputación da Coruña, por debaixo de Lugo moi lonxe do 91% da Deputación de Ourense, a máis transparente de España segundo este índice. A nivel estatal, Pontevedra sitúase no posto 19 das 38 Deputacións provinciais.

    Para o voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, este informe, “confirma o que levamos anos dicindo cando falamos da falta de transparencia da ‘Nova Deputación’”, e subliñou que esta valoración “non a fai o PP, senón unha organización independente e respectada”.

    “Cando dicimos que Carmela Silva goberna de espaldas aos veciños e aos concellos non somos os únicos en facer esa diagnose”, explicou Moldes, que pediu ao Bipartito unha reflexión porque “é evidente que algo non se está a facer ben”.

    Moldes puxo como exemplo a noticia coñecida hai uns días de que a Deputación segue sen cumprir a Lei de Administración Electrónica máis de dous anos despois da súa aprobación.

    O voceiro popular recordou que mentres moitos concellos si fixeron esa adaptación e permiten a traballadores e cidadáns facer trámites ou consultar os seus expedientes telematicamente, a Deputación “incumpre a lei e non dá ese servizo” mentres a súa presidenta, Carmela Silva, non se cansa de falar de transparencia.

    “Presumían de abrir portas e fiestras e a realidade é que, desde que chegaron á Deputación, esta converteuse nunha institución pechada aos cidadáns”, recalcou Moldes. 

    Clasificación das Deputacións Provinciais: https://www.dyntra.org/indices/gobiernos-provinciales-e-insulares/#diputaciones-provinciales

    Ficha da Deputación de Pontevedra:  https://www.dyntra.org/poi/diputacion-provincial-de-pontevedra/