Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • A Xunta exporá aos veciños de Samieira os proxectos das beirarrúas e a mellora da seguridade na PO-308

    • Despois da exitosa reunión de novembro cos veciños de Raxó, Ángel Moldes solicita ao delegado territorial da Xunta outra xuntanza en Samieira para explicar todos os detalles das actuacións entre O Covelo e o límite con Sanxenxo.
    • Técnicos da AXI explicarán as obras, cun orzamento de máis de 3 millóns de euros para dotar de sendas peonís e ciclistas e eliminar puntos negros na PO-308 ao seu paso polas dúas parroquias cuxa finalización está prevista no prazo dun ano.

     

    Poio, 8 de febreiro de 2018.- O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, reuniuse esta mañá co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, a quen lle solicitou unha reunión para que técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas expoñan ante os veciños de Samieira todos os detalles das actuacións na PO-308 entre Raxó e O Covelo.

    Cores Tourís aceptou de grado esta solicitude e confirmou que, nas próximas semanas expertos do ente autonómico, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, determinarán unha data e un lugar para a exposición do proxecto.

    A presentación será semellante á realizada en novembro no Centro Cultural Xaime Isla de Raxó, na que o Director da AXI, Francisco Menéndez, expuso ante os veciños desta parroquia os proxectos de dotación de sendas peonís e ciclistas e de reducción de siniestralidade nesta estrada.

    Este encontro foi moi satisfactorio para os veciños e os técnicos autonómicos, que contestaron todas as preguntas dos asistentes, amosaron planos e documentos das obras previstas e aclararon todas as dúbidas sobre ambos proxectos.

    Moldes explicou que a intención é que os veciños de Samieira poidan coñecer con todo detalle como será o resultado de ambas actuacións, unha vez aprobado definitivamente o proxecto da senda peonil, por máis de 2,2 millóns de euros, e finalizada a fase de alegacións do plan de eliminación de “puntos negros”, cun orzamento de máis de 1 millón de euros.

    As actuacions para a eliminación de puntos negros comezarán precisamente na intersección da PO-308 co vial de acceso ao peirao do Covelo, na parroquia de Samieira, e continuarán por Raxó ata o límite do concello con Sanxenxo. Neste primeiro tramo, ampliarase a entrada e habilitarase unha semirrotonda para aumentar a seguridade no acceso ao Convelo e evitar accidentes nos cambios de sentido, e se construirá unha glorieta completa na intersección coa estrada da Armenteira.

    As actuacións incluirán tamén a instalación e renovación da sinalización, a eliminación de obstáculos, así como outras medidas para o calmado do tráfico e o aumento da seguridade viaria. Ademais, esta actuación estará coordinada co Plan de Sendas, que dotará de beirarrúas e itinerarios peonís e ciclistas a un total de 6,5 km no concello de Poio. 

    Ángel Moldes recordou que a dotación de Beirarrúas na PO-308 “foi en todo momento unha das prioridades absolutas para o PP” e subliñou que o compromiso da Xunta posibilitou “levar adiante un proxecto moi ambicioso para dar resposta a unha demanda histórica dos veciños de Samieira e Raxó”.

    Moldes agradeceu a Cores Tourís a labor do goberno autonómico, que apurou os prazos e fixo un importante esforzo orzamentario para que Poio, e particularmente esas dúas parroquias “puideran por fin ter as beirarrúas”, e recordou que a Xunta incluiu as beirarrúas na PO-308 ao seu paso por Poio no Plan de Sendas do Salnés para axilizar a súa construción.

    Só queda concretar a data e o lugar para que os veciños de Samieira teñan cumprida información dos trámites deste proxecto e coñezan a súa forma final cando rematen as obras, previsiblemente en menos dun ano, explicou Moldes, “unhas obras que mellorarán enormemente a seguridade viaria de peóns, ciclistas e conductores e que representan un éxito de todos os veciños“.