Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP localiza ao impulsor do Bosque de Colón, que visitará Poio esta primavera

    • Os populares localizan en EEUU ao profesor John Harmon McElroy, promotor do agasallo de 500 secuoias por parte do Congreso americano e a súa prantación en 1992 en conmemoración do V Centenario.
    • Presentarán unha moción no próximo pleno para coordinar toda a información co concello e celebrar o aniversario do Bosque de Colón “como se merece”.

     

    Poio, 6 de xaneiro de 2018. A concelleira do PP de Poio, Rocío Cochón, anunciou hoxe que despois dunha investigación, localizaron e puxéronse en contacto co impulsor do Bosque de Colón, o profesor e escritor estadounidense John Harmon McElroy.

    McElroy, hoxe profesor emérito da Universidade de Arizona e autor de diversos libros sobre historia americana, foi quen propuxo o agasallo dos 500 exemplares de sequoia vermella californiana que se fixo efectivo mediante unha Resolución Conxunta das dúas cámaras lexislativas estadounidenses, e tamén quen organizou a viaxe de dúas ducias de escolares de 6 estados americanos, que as prantaron xunto a mozos de Poio na falda do monte Castrove o 4 de decembro de 1992. Na cerimonia participaron tamén os alcaldes de Poio e Pontevedra, o presidente da Deputación e autoridades autonómicas. A participación do presidente da Xunta e doutras autoridades do Estado frustrouse por coincidir a data cun forte temporal e co naufraxio do petroleiro “Mar Exeo”.

    McElroy visitara Galicia na década dos 70, mentres exercía de Profesor Fulbright en España e estudaba as viaxes de Colón –asunto sobre o que despois fixo varias publicacións-. Anos despois decidiu propoñer ao lexislativo estadounidense a prantación en Poio dun bosque de secuoias dedicado ao descubridor, unha resolución finalmente aprobada e asinada polo presidente George Bush pai, para crear unha “catedral vivinte” para testemuñar a amizade entre os dous pobos e conmemorar o V Centenario da viaxe de Colón

    Cochón explicou os esforzos do PP de Poio por poñerse en contacto co intelectual estadounidense durante 2017, despois de que o pleno poiense aprobase declarar ese ano como “Ano do Bosque de Colón”. Estes esforzos deron seu froito a finais de ano, cando localizaron a McElroy na súa casa de Tucson, Arizona: «O profesor McElroy e a súa familia recibiron unha inmensa alegría ao saber que as secuoias que el prantou medraban sás».

    Desde entón, os populares e o académico cruzaron chamadas de teléfono e correos electrónicos, nos que McElroy anunciou a súa decisión de viaxar a Galicia esta primavera para visitar o Bosque que el promoveu e prantou: «Explicou que o Bosque de Colón é a obra da que máis orgulloso se sente, e quere ver como creceron as secuoias despois de 25 anos». A visita producirase nos meses de abril ou maio deste ano, nunha data que se concretará pronto.

    Segundo a concelleira popular, McElroy expresou tamén a posibilidade de contactar coas autoridades dos EEUU para facer algún tipo de acto durante a súa visita, polo que os populares presentarán unha moción no próximo pleno para aproveitar a visita de McElroy e a probable implicación do goberno americano para «celebrar o aniversario do Bosque de Colón como merece», despois de que o “Ano do Bosque de Colón” quedase un pouco deslucido pola falta de implicación do Bipartito..

    A popular ofreceu toda a información da que dispoñen ao goberno local para coordinarse ante a visita do profesor americano, implicar ás distintas autoridades autonómicas e nacionais e poñer en valor o Bosque de Secuoias máis grande de Europa e «un tesouro natural, histórico e cultural único no mundo que une as dúas marxes do Atlántico».

    Cochón amosouse esperanzada de poder contar con toda a corporación para esta conmemoración cos seus protagonistas: «O Bosque o merece e Poio o merece»