Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Ángel Moldes: “Os mesmos que quixeron rebentar os proxectos europeos da Deputación disfrázanse agora de grandes salvadores”

    • “Dubidamos que se alegren desa sentenza cando a primeira medida do actual goberno foi enviar os proxectos á Fiscalía, que despois foron arquivados en cuestión de días, e non contestar os requerimentos administrativos que lle estaban facendo desde a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios”. 

     

    Pontevedra, 13 de setembro de 2017.- O voceiro do PP na Deputación, Ángel Moldes, amósase sorprendido pola actitude do Bipartito, e en especial os membros do grupo socialista, cando o primeiro que fixeron nada máis chegar a Deputación foi enviar os proxectos do anterior goberno do PP a Fiscalía intentando reventar e afear a xestión do PP, intenten agora disfrazarse de grandes salvadores destes fondos europeos e dos intereses económicos da Deputación.

    Moldes recorda ao Bipartito que os primeiros que iniciaron a batalla nos tribunais con respecto ao proxecto Deputrans foi o anterior Goberno do PP, o contrario do que fixo o actual bipartito que non só enviou a documentación a Fiscalía, que en cuestión de días foi arquivada, senón que non contestou tampouco, ata en dúas ocasións, ningún dos requerimentos administrativos que lle fixeron desde a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, “co único fin de desprestixiar a xestión do Partido Popular e sen pensar nos prexuízos económicos e as consecuencias que a súa actitude podía ocasionar porque están máis centrados na crítica política e na súa obsesión co anterior goberno ca en defender e gobernar a provincia”. 

    “Dubidamos que se alegren desta sentenza cando sempre pareceu que o que eles pretendían é que a Deputación perdera estes fondos ao ser unha xestión do anterior goberno”, sinala Moldes.

    “O que lle pedimos no seu día foi que defenderan estes proxectos como se foran propios, porque ante a actitude de brazos caídos que estaban amosando os únicos prexudicados eran os veciños desta provincia”.

    Nesta liña, e con respecto ao proxecto DepuGAP, os deputados populares recordan que “hai unha auditoría asinada polo deputado socialista, Francisco Javier Dios Pomares, na que se verifica que todos os traballos deste proxecto foron realizados satisfactoriamente e que cabía recurso xudicial, algo que logo o Goberno da Deputación decidiu rexeitar”.  

    INCOMPETENCIA PARA CONSEGUIR FINANCIAMENTO EUROPEO

    Cabe recordar, incide Moldes, en que “o anterior goberno da Deputación de Pontevedra foi un referente na consecución de fondos europeos para proxectos punteiros, unha xestión que o actual goberno intentou desvirtuar desde o primeiro día, creando unha cortina de fume para que parecese que todo estaba mal feito e agora que os fondos non hai que devolvelos que pareza que foi a súa xestión a que solucionou  o problema, cando realmente é todo o contrario”.  

    Segundo Moldes, “o que se agocha detrás de todo isto é a envexa e a incompetencia do actual goberno provincial, incapaz de conseguir ningún tipo de financiamento europeo”. Un exemplo o actual proxecto Smartpeme, antes Plan CEPAE 2.0, financiado íntegramente por Europa que agora se paga cos fondos propios da Deputación. 

    Nesta liña, o voceiro popular recomenda a Carmela Silva que se ocupe de unha vez de xestionar e conseguir fondos para a  provincia e que abandone de unha vez a súa obsesión enfermiza polo goberno do Partido Popular, que xa lle ocupou máis de dous anos.