Pepa Pardo presenta en Pontevedra o plan de vivenda do futuro Goberno de Feijóo, co IVE ao 4% para menores de 40 anos, licenzas en 90 días, rebaixas fiscais e man dura contra a okupación para resolver a crise habitacional

A candidata ao Congreso dos Deputados, Pepa Pardo, presentou hoxe en Pontevedra, no acto sectorial de vivenda, as medidas nesta materia do futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo, entre as que destacou o IVE ao 4% para menores de 40 anos, licenzas en 90 días, rebaixas fiscais e man dura contra a okupación para resolver a crise habitacional. Estas propostas pasan por dispoñer de “máis pisos, máis axudas, máis seguridade xurídica e menos impostos” co obxectivo de combater o “fracasado modelo de vivenda” de Pedro Sánchez, indicou.
“As políticas socialistas de vivenda levan oito anos fallando estrepitosamente ata converter esta cuestión no principal problema de España. Só no que vai de década, desde o ano 2020, na provincia de Pontevedra a oferta de alugueiro reduciuse nun 17% e os prezos medraron nun 41%, polo que hai que corrixir o 29 de novembro este camiño tan errado para que a xente poida ter un fogar a un prezo razoable”, aseverou a candidata popular.
Pepa Pardo explicou que o PP propón, para a próxima lexislatura, a construción dun millón de vivendas en toda España para aumentar a oferta, facilitar o acceso a un fogar e tratar de conter ou reducir os prezos. Ante un aforo no que estaban representantes de promotores e construtoras, colexios profesionais, cooperativas, inmobiliarias ou proxectistas da cidade, a representante popular tamén anunciou a redución do IVE do 10% ao 4% na adquisición de primeira vivenda para os menores de 40 anos. Ademais, destacou a habilitación dun pago fraccionado dos tributos ao ritmo da hipoteca, a redución da burocracia para que as licenzas se resolvan nun máximo de 90 días con silencio administrativo positivo e unha nova lei antiokupación que outorgue maior seguridade aos propietarios.
A candidata popular indicou que ás políticas fracasadas de Sánchez desde 2018 engadíronse os dous decretos aprobados polo Consello de Ministros o pasado 6 de outubro “e cos que se pretende cargar un problema que debe resolver o Goberno nas costas dos pequenos propietarios e no prexuízo dos inquilinos”. Así, indicou que os efectos dos mesmos volveron ser nocivos para o mercado, posto que no último mes, na provincia de Pontevedra, retiráronse o 22% das vivendas que estaban en alugueiro “polo evidente temor dos seus donos”.
Durante a súa intervención, Pepa Pardo denunciou a convalidación por parte do Goberno dos «infames decretos», aos que acusou de «liquidar a propiedade privada» e de trasladar a responsabilidade do problema habitacional «ás costas dos pequenos propietarios». Segundo detallou, estas medidas «total e absolutamente nocivas» provocaron na provincia a retirada do mercado do alugueiro dun 22 % das vivendas. O representante popular lamentou que a cidadanía teña que soportar as consecuencias dun Executivo «incapaz de gobernar e de asumir responsabilidades». «En 2018, cando Sánchez chegou ao Goberno, a vivenda ocupaba o posto 16 na preocupación dos españois; hoxe, tras case oito anos dun mal chamado goberno progresista, é a primeira preocupación do país», sinalou.
María Allegue salientou a “nova política de vivenda con marca Galicia”, cun orzamento histórico de 520 millóns de euros en 2027
A conselleira María Martínez Allegue salientou a “nova política de vivenda con marca Galicia”, apoiada nun orzamento histórico de 520 millóns de euros en 2027, dos que preto de 29 millóns se destinarán directamente á cidade de Pontevedra para axilizar a entrega de pisos, ademais de lembrar o paquete de 151 millóns en axudas aprobado este mesmo luns polo Consello da Xunta para promotores, mocidade e rehabilitación. Allegue reafirmou o compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público ata acadar as 8.000 vivendas antes de que remate 2028 e urbanizar máis de 2,5 millóns de metros cadrados de solo, tendendo a man ao sector privado porque “alianza non é especulación”.
A titular autonómica contrapuxo esta política de “seriedade, responsabilidade e resultados” coas 183.000 vivendas prometidas por Pedro Sánchez “das que nada se sabe”, e puxo en valor as 306 vivendas que a Xunta está a impulsar en Pontevedra —74 delas xa entregadas— fronte aos “0 euros do Goberno central e 0 euros do Concello”.
Allegue criticou con dureza o “modelo da improvisación e a intervención por sistema” do Executivo central, afeando que a ministra tache a xestión galega de xogar ao Monopoly mentres aplica receitas fallidas como a intervención dos mercados —que en cidades como Santiago ou A Coruña só provocou subas de prezos e retirada de pisos—, decretos aprobados sen consenso na Deputación Permanente ou “inventos como Casa 47, con presuntas vivendas accesibles que superan o prezo medio do mercado libre e sen ningunha nas cidades galegas con maior demanda”. Así mesmo, instou ao Estado a mobilizar primeiro as 2.500 vivendas baleiras que a Sareb ten sen uso en Galicia, convencida de que o 29 de novembro abrirase a oportunidade para que Feijóo estenda “o modelo de Galicia a toda España”.
Luis López reivindicou a capacidade de xestión como o principal aval do Partido Popular fronte á “improvisación, os chistes e o populismo” do Goberno central
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, reivindicou a capacidade de xestión como o principal aval do Partido Popular fronte á “improvisación, os chistes e o populismo” do Goberno central. López lamentou que o único muro levantado por Sánchez en oito anos sexa o da división entre españois “en lugar de dedicar enerxía a erguer muros de vivenda”, e criticou que un Executivo incapaz de aprobar orzamentos pretenda resolver este problema a última hora con dous decretos e insultando aos pequenos aforradores.
López puxo como exemplo o rigor e a eficacia do modelo popular na Xunta de Galicia e na propia Deputación de Pontevedra, destacando que a institución provincial vén de aprobar catro orzamentos en catro anos —máis que Sánchez en oito—, deixou a débeda a cero tras herdar un burato de 25 millóns, paga aos provedores en menos de dez días e leva investidos máis de 600 millóns de euros en máis de 2.000 actuacións nos concellos.
Ademais, subliñou o apoio técnico á construción nos municipios —con preto de 50 informes de urbanismo e máis de 180 recepcións de obras— e o 100% de ocupación do polígono de Barro-Meis, defendendo as medidas de Feijóo.
Rafa Domínguez defendeu a necesidade da actualización do PXOM da cidade de 1989
O presidente do PP local, Rafa Domínguez, detallou o cambio de rumbo que quere liderar na política de vivenda en Pontevedra e acusou ao goberno nacionalista de Miguel Anxo Fernández Lores de non ter desenvolvido unha verdadeira estratexia municipal nesta materia, máis alá de ceder á Xunta terreos en Valdecorvos, Tafisa ou A Parda para a construción de vivenda pública.
O portavoz popular defendeu a necesidade de deixar atrás a parálise urbanística cun paquete de medidas centrado na axilización das licenzas, a actualización do PXOM de 1989, a renovación do Peprica e o uso das ECCOM para simplificar os trámites administrativos. Tamén apostou por reforzar o departamento municipal de Urbanismo, implicar o Concello na construción de vivenda e establecer unha relación fluída e permanente cos profesionais do sector. “O Concello ten que deixar de ser un atranco e converterse nun aliado de quen quere investir, construír e rehabilitar vivenda en Pontevedra”, afirmou.


