O PP anuncia que Sonia Baqueiro Abal será a candidata á Alcaldía de Soutomaior nas eleccións municipais de 2027

O PP vén de anunciar que Sonia Baqueiro Abal será a candidata á Alcaldía de Soutomaior nas eleccións municipais de 2027 nun acto celebrado esta mesma tarde no peirao de Arcade coa presenza desta moza de 21 anos, do presidente provincial do PP, Luis López, a secretaria xeral Luisa Piñeiro e o presidente do PP local e ex alcalde, Agustín Reguera, así como outros membros da executiva local.
Sonia Baqueiro é estudante do Grao de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e tamén a actual secretaria xeral provincial de Novas Xeracións (NNXX). Comezou moi nova no ámbito da política, xa que concorreu no número 10 da lista do PP de Soutomaior no ano 2023 con 18 anos recén cumpridos e tamén formou parte da candidatura liderada por Alfonso Rueda nas autonómicas de 2024. Ademais, é moi activa no ámbito do asociacionismo e a cooperación e incluso desempeña a vicepresidencia nun colectivo europeo de estudantes.
A xa candidata do PP de Soutomaior toma deste xeito o testemuño de Agustín Reguera, ao que agradeceu a súa confianza e o seu legado e tamén salientou, neste acto de anuncio a “xenerosidade e confianza” dos militantes do PP, aos que garantiu “un traballo enorme á altura da responsabilidade que se me asigna” para liderar este proxecto de renovación “co que aspiramos ao máximo e co que, tamén con total humildade, aspiramos a recuperar a Alcaldía”.
Sonia Baqueiro cre necesario que Soutomaior “volva á senda do sentidiño, os investimentos, a atención cercana e o aproveitamento das oportunidades”, xa que apostillou que o goberno do BNG “deixou pasar demasiados trens e demostrou que o cambio foi claramente a peor”. “Aspiramos a un cambio que permita abrir as fiestras do Concello e acabar co sectarismo dun BNG que só goberna para os seus e, tristemente, distingue entre veciños bos e malos”, manifestou.
Pola súa banda, Luis López amosouse convencido de que o PP de Soutomaior “tomou a decisión correcta”, xa que lembrou que coñece a Sonia Baqueiro desde a súa entrada en política “e sempre foi unha persoa que sorprendeu pola súa madurez, capacidade, coñecementos, valía e empatía coa xente”.
Ademais, tamén destacou o seu “compromiso, responsabilidade e valentía” por asumir neste momento o liderado do partido e engadiu que a xa candidata representa á perfección “a importancia que teñen os mozos e mozas para o PP, onde a xente importa pola súa capacidade e non pola idade do DNI”. “Hoxe iniciamos un tempo novo que vai ser moi importante para o futuro de Soutomaior”, concluiu o presidente provincial.


