Pedro Puy denuncia os incumprimentos e a inacción do Goberno de España na ampliación do polígono da Ran tras máis de oito anos sen iniciar a actuación

O candidato do PP ao Congreso pola provincia de Pontevedra Pedro Puy compareceu hoxe no polígono da Ran, en Cuntis, para denunciar os reiterados incumprimentos e a absoluta inacción do Goberno de España, a través de Zona Franca de Vigo e de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), para acometer a necesaria ampliación deste espazo empresarial, posto que máis de oito anos despois nin sequera comezaron con esta actuación.
“Onde tiña que haber un terreo preparado para acoller empresas e naves, atopámonos toxos e xestas, o que demostra que a falta de xestión, a falta de compromiso do PSOE coa nosa provincia e a falta de orzamentos durante catro anos causa enormes prexuízos aos cidadáns, como se pode comprobar tristemente en Cuntis”, manifestou o número 3 da lista popular, que estivo acompañado na visita pola voceira municipal do PP, Isabel Couselo, os tamén candidatos Sara Martínez e Alfonso Vázquez e concelleiros populares de Cuntis.
Puy constatou a nula intención do PSOE de acometer este proxecto de desenvolvemento industrial en Cuntis en que “nin sequera iniciaron as expropiacións”, polo que case nove anos despois aínda non se dispón dos terreos para unha iniciativa “que máis semella unha posta en escena exclusivamente publicitaria dos socialistas para tapar o seu abandono da provincia que unha proposta real para Cuntis”.
Pola súa banda, Isabel Couselo criticou a xestión do alcalde, Manuel Campos, xa que prometeu o polígono hai unha década e, pouco despois, buscou como aliado ao delegado da Zona Franca e secretario xeral do PSOE na provincia, David Regades, “nunha clara demostración que o polígono nunca tivo visos de saír adiante pola incapacidade do noso rexedor e pola absoluta falta de compromiso do organismo estatal, que leva varios anos incluíndo unha partida propagandística nos seus orzamentos para A Ran, pero que non pensa executar en ningún caso”.
“Estamos ante unha gran estafa contra os veciños de Cuntis, á que lle deron forma cun convenio asinado en 2023 que é papel mollado, e aos feitos nos remitimos, e que en todo este tempo só destacou polas excusas, as mentiras e os incumprimentos, porque non deron nin o primeiro paso”, manifestou a concelleira do PP, que lembrou que a ampliación da Ran “é fundamental para o noso concello, pero ese soño nunca se acadará co PSOE”.


