← Novas

O PP denuncia en Domaio o abandono do Goberno central ao sector marítimo no problema do sobrecusto do gasóleo e a falta de apoio ás infraestruturas portuarias de Moaña

2 min

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Pío Millán e Marian Sanmartín, mantiveron hoxe un encontro de traballo no porto de Domaio coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, e o voceiro municipal do PP en Moaña, Alfonso Piñeiro.

Durante a reunión, os populares denunciaron a "asfixia económica" á que o Goberno de España somete á frota e aos produtores polo encarecemento do gasóleo, así como o seu "desinterese" polas infraestruturas costeiras e portuarias do municipio. Sinalaron que o Executivo de Pedro Sánchez "chega tarde e mal" á crise provocada polo prezo do gasóleo pesqueiro, situado arredor dos 1,20 euros por litro, o que está a comprometer seriamente a viabilidade das embarcacións e das empresas auxiliares de Moaña.

Neste senso, denunciaron a "ineficacia e a lentitude burocrática" do sistema estatal de axudas deseñado polo Ministerio, lembrando que dos 27,8 millóns de euros outorgados ata o de agora para paliar o sobrecusto do combustible, o Goberno central só aboou 5,6 millóns, mantendo pendentes de pago millóns de euros correspondentes aos meses de marzo, abril e maio. Ademais, criticaron que o modelo actual se basee en estimacións que non cobren o impacto real da suba e obrigan aos armadores a adiantar liquidez.
Fronte á parálise do Executivo socialista, os candidatos ao Congreso trasladaron ao sector as propostas do Partido Popular para dar unha resposta inmediata, entre as que destacan a indexación mensual das axudas ao prezo real do porto de aprovisionamento, a xustificación áxil mediante o Diario Electrónico de Abordo (DEA) e facturas de subministro, e a aplicación de descontos directos no momento de encher o tanque.
Por outra banda, durante a visita ao peirao de Domaio púxose de manifesto a "total ausencia de investimentos e colaboración do Estado" nas actuacións que precisa o bordo litoral de Moaña. Os populares puxeron en valor que lamentaron que teña que ser a Xunta de Galicia a que asuma en solitario o esforzo financeiro —cun investimento previsto de 2,5 millóns de euros nos novos orzamentos— para sacar adiante a ampliación do porto de Domaio, unha infraestrutura fundamental para dar abrigo e puntos de atracada á frota mexilloeira da ría de Vigo e evitar que teña que desprazarse nos temporais ata San Adrián de Cobres.

Novas