O PP comprométese co proxecto de reforma integral da nave do Club de Remo de Cesantes e reafirma o seu compromiso co sector marítimo de Redondela

A responsable de Mar do Goberno galego,
Marta Villaverde, acompañou esta tarde na parroquia redondelá de Cesantes ao candidato do Partido Popular á alcaldía de Redondela, Javier Bas, para manter un encontro de traballo con representantes do Club de Remo CCD Cesantes - Rodavigo e do Círculo Cultural Deportivo (CCD) de Cesantes, encabezados polo seu presidente, Jorge Rodríguez Crespo. Na reunión tamén participou a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana.
Durante o encontro, trasladouse aos membros do club o compromiso para dar resposta ás necesidades de espazo e modernización das instalacións de adestramento da entidade náutica máis antiga do municipio. Neste sentido, foron informados de que nos orzamentos de Portos de Galicia, xa contemplan a partida orzamentaria necesaria para a redacción do proxecto de reforma integral, mellora e ampliación da nave do club de remo de Cesantes.
Así mesmo, na xuntanza púxose de manifesto a importancia de manter unha estreita sintonía e colaboración cun Goberno de España que se preocupe polas vilas mariñeiras -algo que non acontece co actual- e que permita impulsar as actuacións pendentes na costa de Redondela e atender as demandas veciñais, pesqueiras e deportivas na contorna da enseada de San Simón.
Bas contrapuxo a falta de apoios doutras administracións co apoio sostido que se presta dende a Consellería do Mar ao tecido marítimo-pesqueiro de Redondela, cun investimento acumulado de 10,34 millóns de euros no concello desde 2009 (dos cales máis de 2,45 millóns se destinaron directamente á Confraría de Pescadores San Xoán).
Entre as actuacións máis recentes ás que se referiu o candidato popular á alcaldía, puxo como exemplo o convenio asinado este mesmo ano, entre a Consellería do Mar e a confraría, dotado con 653.488 euros para o período 2026-2027, e que permite a 82 mariscadoras e mariscadores a pé traballar na rexeneración de preto de 700.000 metros cadrados de bancos marisqueiros afectados polas intensas choivas de comezos de ano.


