← Novas

Pedro Puy alerta na Caniza de que o PSOE pretende seguir “asfixiando á xente” con máis impostos e anuncia unha baixada xeral dos tributos cun Goberno de Feijóo

2 min

O candidato do PP ao Congreso Pedro Puy alertou hoxe na Caniza, no marco dun percorrido pola feira da capital da Paradanta acompañado pola voceira municipal, Pilar Vicente, que o PSOE pretende seguir “asfixiando á xente” con máis subas de impostos en caso de seguir ao fronte do Goberno de España e defendeu o modelo oposto, cunha baixada xeral dos tributos, especialmente para as familias, cidadáns con rendas medias e baixas, pensionistas e autónomos, cun Executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo.

O representante popular afondou na Caniza na situación fiscal asfixiante tras os oito anos de Pedro Sánchez e tamén na economía real das familias, que é unha das cuestións que máis preocupa e afoga á xente polos aumentos de impostos e do custe da vida. “Non lles chegou todo o que subiron os impostos que nesta campaña e no seu programa xa anuncian dez incrementos fiscais máis”, apercibiu Puy, que recalcou que as fortes subas de impostos chegaron ata os pensionistas, polo que incluso están perdendo poder adquisitivo real desde que goberna Sánchez.

“O PSOE aplicou moitísimas subas de impostos e incrementou a recadación fiscal na provincia de Pontevedra nun 70% neste tempo. Isto podería estar ben se melloraran os servizos públicos e a atención aos cidadáns, pero isto non está pasando, todo funciona peor e nin sequera se apoia a sectores estratéxicos da Caniza e A Paradanta. Esta recadación disparada estase amosando inservible, posto que non se revirte na xente nin nos servizos públicos pola súa evidente falta de xestión”, aseverou Puy, que denunciou que “lonxe de deixar de apretar á xente malia o que custa chegar a final de mes”, o PSOE vai seguir subindo os impostos nos próximos anos se os cidadáns non impiden que siga no Goberno “porque a súa voracidade fiscal non ten límites e non amosan ningunha empatía co sufrimento das economías domésticas”.

Fronte a este modelo, o candidato popular anunciou que Feijóo e o PP van optar pola vía contraria, con baixadas xeralizadas de impostos e un mellor funcionamento dos servizos públicos, os investimentos e a atención aos cidadáns grazas á capacidade de xestión, o rigor e a eficiencia dos equipos do PP. “Non imos facer nada que Feijóo non fixera antes en Galicia e que coñecemos todos, que é cobrar uns impostos algo máis baixos, xustos e suficientes para que, con eficacia e moito traballo, os servizos funcionen de maneira óptima, aínda que peor que estes oito anos, cunha degradación evidente, é practicamente imposible”, concluiu Puy.

Novas