O PP provincial presentara no Pleno da Deputación unha moción de censura pública ao Goberno de España polo "maltrato" e a falta de investimentos nas infraestruturas de Pontevedra

O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentará no Pleno deste venresda corporación unha moción para aprobar unha censura pública ao Goberno de España, encabezado por Pedro Sánchez, pola falta duns mínimos investimentos de mellora e mantemento nas infraestruturas da provincia ao longo da lexislatura 2023-2026.
Na exposición de motivos asinada pola deputada provincial do PP, María Ramallo, os populares denuncian que o Executivo central someteu a Pontevedra a unha política de "maltrato, recortes, castigo e discriminación constante", provocando un evidente deterioro dos equipamentos e servizos públicos en detrimento da calidade de vida dos preto de 950.000 cidadáns da provincia.
María Ramallo fai fincapé no estado "absolutamente lamentable" das once estradas nacionais que percorren 27 concellos ao longo de 317 quilómetros e que soportan máis de 120.000 vehículos diarios, criticando que o Executivo se limitase a realizar "mínimos parches" ao final do mandato. Do mesmo xeito, alertou do perigoso estado do firme da autovía A-52 na conexión con Ourense e Madrid.
Respecto á AP-9, o PP provincial reprocha ao PSOE ter bloqueado máis de sesenta veces o seu debate no Congreso e pactar unha lei de traspaso que non respecta o acordo unánime do Parlamento de Galicia, cualificándoa como un "regalo envelenado" para as contas da comunidade.
A iniciativa presentada polo grupo provincial, enumera máis dunha decena de proxectos pendentes na cidade de Vigo, entre os que salientan a supresión do AVE directo por Cerdedo, o atraso da Saída Sur cara a Portugal ata 2036 ou 2037, as incidencias diarias no servizo ferroviario, a perda de destinos no aeroporto de Peinador, a falta de conexión directa da A-52 evitando a A-55, a integración da AP-9 en Teis, a Biblioteca do Estado, a reforma do Instituto Oceanográfico ou a deterioración das comisarías da Policía Nacional.
Na cidade de Pontevedra, os populares sinalan a falta de remate do paseo litoral cara a Marín, os anegamentos da PO-11, a parálise na rehabilitación do convento de San Francisco para Arquivo Provincial, os intentos de bloqueo da dragaxe do río Lérez e os problemas sen resolver nas obras da A-57.
Finalmente, a moción recolle demandas históricas nas comarcas como a reforma integral da N-541 en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, a Variante da Estrada e a seguridade viaria da N-640 no seu treito urbano, a humanización da N-640 en Vilagarcía, as melloras da N-120 en Ponteareas, actuacións en Redondela e Cuntis, e a cancelación oficial no BOE do trazado da Variante Oeste de Caldas para iniciar un novo estudo non lesivo para a veciñanza.


