← Novas

O PP esixe ao Goberno central que desbloquee de inmediato os 16 millóns de euros en axudas polos temporais que 23 concellos agardan desde hai oito meses

2 min

O Grupo Provincial do Partido Popular presentará no próximo Pleno da Deputación de Pontevedra unha moción para urxir ao Estado que resolva de inmediato, a convocatoria de axudas destinada a reparar os danos causados polos temporais do pasado inverno en 23 concellos da provincia.

Segundo lembrou o voceiro popular, Jorge Cubela, tras a declaración de Zona Afectada Gravemente por Emerxencias de Protección Civil (ZAGPEC) aprobada o 29 de decembro e a apertura da convocatoria en marzo, o pasado 18 de marzo confirmouse a recepción de presolicitudes por parte de 23 municipios pontevedreses por un importe global de 16 millóns de euros.

Oito meses despois de rexistrarse as peticións —e cinco meses despois de que o Pleno provincial xa aprobase unha iniciativa censurando o atraso—, as axudas seguen sen resolverse e sen que o Ministerio se puxese en contacto cos concellos, mesmo cando xa arrincou unha nova época de choivas.

Desde o PP Provincial lamentan a "complexidade burocrática" e os prazos reducidos impostos polo Goberno de España, que dificultaron que moitos municipios sen liquidez puidesen adiantar a contratación das obras urxentes. Os populares sosteñen que esta tardanza confirma as sospeitas, compartidas mesmo por alcaldes e voceiros socialistas, de que a convocatoria responde a unha estratexia de "falsa propaganda".

Ademais, o Grupo Provincial denuncia as críticas vertidas no seu día polo ex subdelegado do Goberno, Abel Losada, contra a institución provincial, lembrando que a Deputación de Pontevedra si artellou e resolveu xa unha liña propia de axudas por valor de 8 millóns de euros da que xa se están beneficiando os municipios.

**Relación dos 23 concellos afectados (16 millóns de euros)
**Os municipios da provincia que seguen á espera de resposta por parte do Ministerio de Política Territorial son: Pontevedra (4 millóns de euros) Rodeiro (2,7 millóns), O Grove (2,1M€), Sanxenxo(1,21M€), A Illa de Arousa (852.000€), Cuntis (770.000€), Agolada (669.000€), Silleda (632.000€), A Caniza (491.000€), Cerdedo-Cotobade (413.000€), Vilanova de Arousa (375.000€), Poio(324.000€), Crecente (300.000€), Moaña (219.000€), Marín (187.000€), Forcarei (182.000€), O Rosal (156.000€), O Campo Lameiro (109.000€), A Guarda (98.000€), Salceda de Caselas (88.000€), Tomiño (75.000€), Vilaboa (35.000€) e Cambados (22.000€).

Novas