O PP pon en valor o camiño do litoral e a ruta eurovelo como motores de turismo sostible, riqueza e emprego para Cangas e o Morrazo

O Partido Popular reivindicou hoxe en Cangas o potencial do patrimonio natural costeiro como piar estratéxico para impulsar un modelo de turismo sostible, desestacionalizado e de calidade capaz de xerar riqueza e emprego na comarca. A xornada contou coa participación da voceira municipal e deputada autonómica, Dolores Hermelo, e do concelleiro e integrante da candidatura ao Congreso por Pontevedra, Pío Millán, que estiveron acompañados por Nicolás Vázquez Iglesias, actual responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático, e por Xosé Manuel Merelles, actual responsable de Turismo do Goberno galego.
A actividade arrancou ás 16:30 horas cunha andaina polo treito costeiro comprendido entre a praia de Areamilla e o miradoiro das Furnas, atravesando o singular Túnel de Areamilla. Este percorrido, integrado na Etapa 47 do Camiño do Litoral, exemplifica o aproveitamento respectuoso do dominio público marítimo-terrestre e a conexión entre o sendeirismo e o cicloturismo internacional. Posteriormente, ás 17:30 horas, a sede local do PP de Cangas acolleu un encontro sectorial con afiliados e representantes do tecido turístico, hostaleiro e veciñal para analizar as oportunidades abertas na franxa costeira.
Durante o acto, Pío Millán subliñou que o proxecto do Partido Popular parte da presenza constante no territorio e do coñecemento directo, sobre o terreo, da realidade e das necesidades dos veciños. Fronte a outras formacións políticas que só se acordan de Cangas e do Morrazo cada catro anos coa chegada das citas electorais, o concelleiro popular defendeu a aposta continuada do PP polo desenvolvemento da comarca. Neste sentido, Millán puxo en valor que o partido presenta un candidato, Alberto Núñez Feijóo, que coñece de primeira man O Morrazo, coñece Cangas e é plenamente consciente da falta de investimentos e actuacións por parte do Goberno central na comarca.
Desenvolvemento económico compatible coa conservación e o Camiño do Litoral
Pola súa banda, Nicolás Vázquez, actual responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático, defendeu un modelo que demostra que o desenvolvemento económico e a creación de emprego son plenamente compatibles co respecto e a conservación do medio ambiente. Vázquez puxo en valor que Cangas conta cun patrimonio natural e paisaxístico privilexiado —que inclúe a Costa da Vela e os seus tres faros en Rede Natura 2000, os complexos dunares de Nerga-Viñó-Barra e Liméns, a Lagoa da Congorza, a Ría de Aldán e a súa condición de porta natural ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que en 2027 celebrará o seu 25 aniversario con máis de 1,2 millóns de euros en investimentos de mellora de hábitats—.
Así mesmo, Vázquez destacou o papel protagonista de Cangas no Camiño do Litoral, posto en servizo o pasado 28 de agosto cun investimento de 1,36 millóns de euros. Esta ruta percorre 1.373,5 quilómetros desde Ribadeo ata A Guarda ao longo de 52 etapas, apoiada en 249 elementos de sinalización reciclada con códigos QR e unha aplicación móbil oficial.
A comarca do Morrazo supera os 97 quilómetros deste trazado e Cangas consolídase como un dos municipios con maior peso específico ao concentrar tres etapas consecutivas: a Etapa 46 (Bueu–O Hío), a Etapa 47 (íntegra no municipio, a través da Costa da Vela, Cabo Home, Barra, Nerga, Liméns, As Furnas e Areamilla) e a Etapa 48 (cara a Moaña e Soutomaior), un proxecto que terá continuidade en 2027 cunha partida de 900.000 euros para o seu Plan Director e o novo programa de voluntariado xuvenil Mocidade no Camiño do Litoral, posto en marcha este mes de novembro.
Neste contexto, o actual responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático destacou tamén as ferramentas derivadas da aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia e do traspaso á Xunta das funcións e servizos neste eido para dinamizar a economía local desde a sostibilidade. Así, sinalou a oportunidade que supón o Catálogo de bens de valor cultural no litoral para a recuperación do patrimonio mariñeiro, ao reunir 2.003 edificacións en toda Galicia das cales 1.041 —como antigas fábricas de salga e conserva, faros ou muíños— poderán acoller novos usos turísticos, culturais ou de restauración sempre que sexan compatibles coa súa conservación.
EuroVelo 1 e o impulso ao sector turístico e hostaleiro
Na mesma liña, Xosé Manuel Merelles, actual responsable de Turismo do Goberno galego, salientou a integración do litoral cangués na ruta ciclista europea EuroVelo 1 (Ruta da Costa Atlántica), que completou na primavera de 2026 os seus 536,7 quilómetros en Galicia e cuxa Sección 4 (Moaña–Bueu) atravesa o litoral de Cangas e a Costa da Vela. Segundo explicou, a converxencia co circuíto europeo posiciona o municipio no mapa internacional do cicloturismo e do turismo activo fóra da tempada estival.
Ademais, Merelles puxo en valor o apoio ao sector turístico e hostaleiro a través da Rede de establecementos turísticos do litoral, apoiada cunha liña de 5 millóns de euros para actuacións de embelecemento, e a ampliación da tempada de chiringuitos desde Semana Santa —a canguesa declarada de Interese Turístico Galego— ata outubro. A estas medidas, engadiu, súmanse a Rede de Praias Sostibles e Inclusivas, dotada cun millón de euros en 2027, e o próximo Bono Sostible Azul, que contemplará axudas de ata 5.000 euros para mellorar a eficiencia hídrica, a xestión de residuos e a integración paisaxística dos chiringuitos.
Coordinación entre administracións para xerar riqueza
Por último, Dolores Hermelo pechou o encontro remarcando a importancia do traballo conxunto e a coordinación entre administracións como a única vía eficaz para ofrecer seguridade xurídica, reducir a burocracia e transformar o potencial natural de Cangas nun turismo responsable que fixe riqueza e emprego estable durante todo o ano.


