← Novas

Comesaña solicita unha maior atención do Goberno de España a Tui como cidade fronteiriza e motor do sur da provincia

3 min

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, e o presidente provincial do PP, Luis López, solicitaron hoxe en Tui unha maior atención do Goberno de España á histórica cidade e a este termo municipal estratéxico pola súa condición de zona fronteiriza e un dos motores do sur provincial. Os dous representantes populares, que coñecen perfectamente a situación de Tui tras numerosas visitas e reunións ao longo dos últimos anos nas súas respectivas condicións de deputado autonómico e presidente da Deputación, fixeron esta mañá un percorrido pola feira e departiron con centos de tudenses na compaña do presidente do PP local, Nico Montes, e outros compañeiros da agrupación.

“Despois das grandes cidades da provincia, Tui é posiblemente, pola súa condición e localización fronteiriza e ribeireña dun gran río internacional como o Miño, o concello de Pontevedra que máis necesitaba do Goberno de España, pero cremos que non estivo á altura das circunstancias e que o deixou totalmente abandonado durante estes anos”, manifestou o candidato ao Congreso.

Comesaña lamentou o “tempo perdido” para Tui e solicitou a confianza dos tudenses en Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular o próximo 29 de novembro “para que a cidade sexa tida en conta pola súa gran importancia histórica e socioeconómica e para que as necesidades dun territorio estratéxico sexan atendidas”.

Así, o cabeza de lista do PP botou en falta os avances na liberalización da autoestrada AP-9 “que é de suma importancia para Tui para a súa conexión con Vigo e co resto da provincia” ou os problemas persistentes de conexión a Internet e telefonía móbil pola orografía e a proximidade coas liñas e postes portugueses. “Non é admisible que, en pleno 2026, haxa 3.371 veciños de Tui que non teñan aínda unha conexión a Internet con velocidade e calidade axeitadas”, concretou.

Ademais, o candidato popular tamén lamentou a situación de degradación do río Miño pola falta de compromiso do Goberno de España, que sempre descarta a necesaria realización dunha dragaxe fronte á forte sedimentación e a eliminación de especies invasoras; o pasotismo á hora de mellorar as condicións dos milleiros de traballadores transfronteirizos; ou a falta de planificación nas obras do tren nos treitos Redondela-Guillarei e Guillarei-Ourense que lastran e dificultan o emprego deste medio de comunicación aos veciños.

LÓPEZ: “HAI QUE FACER QUE TODO SE ALIÑEE A PROL DE GALICIA”

Pola súa banda, Luis López aproveitou a visita para solicitar a confianza maioritaria dos tudenses o 29 de novembro, xa que advertiu que “o que lle convén ao Baixo Miño, á provincia e a Galicia é un tándem Rueda-Feijóo”. Neste senso, lembrou que o noso territorio leva máis de oito anos abandonado da man de Pedro Sánchez, “polo que precisamos un presidente que o coñeza coma ninguén e que, ademais, nos ofreza a colaboración que tanto leva reclamando o presidente Rueda”.

“Estamos nunha gran situación pola magnífica xestión que se fai desde a Xunta de Galicia e iso que levamos moito tempo avanzando con paus entre as rodas, así que se os galegos empuxamos a Feijóo ata a Moncloa, podemos facer que todo se aliñee a favor das nosas necesidades, intereses e investimentos”, concluiu López.

Novas