Comesaña lamenta que Caldas exemplifique o “maltrato” do PSOE coa provincia polo seu proxecto da Variante Oeste que “rebenta” o concello e avoga por un trazado consensuado

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados por Pontevedra, Julio García Comesaña, lamentou que Caldas de Reis exemplique o “maltrato” do Goberno de Pedro Sánchez e do PSOE coa provincia polo seu proxecto da Variante Oeste, que “rebenta” o concello con derrubo de máis dunha decena de vivendas e graves afeccións a cinco parroquias. Neste censo, o candidato popular calificou o trazado deseñado e defendido polos socialistas como “o peor posible” e avogou por un trazado consensuado coa veciñanza e as plataformas de afectados e que tome como base o acordo plenario unánime adoptado polo pleno de Caldas hai 18 anos.
“Fixeron un proxecto nun despacho de Madrid, totalmente alonxado dos intereses do territorio e da maneira de vivir dos caldenses e insistiron neste grave erro, defendendo que era o mellor trazado posible, ata que toparon de fronte coa realidade cun gran traballo do PP de Caldas e máis de 3.000 alegacións”, sinalou Comesaña, que reclamou ao Goberno de España que proceda á inmediata cancelación deste estudo informativo no BOE, xa que polo momento a paralización é simplemente oficiosa.
Comesaña lamentou o “innecesario dano” causado aos veciños e a “alarma social” xerado por un proxecto moi lesivo para o municipio de Caldas e asegurou que a proposta de futuro para esta necesaria circunvalación pasa polo acordo cos veciños: “A xente en Caldas segue, con razón, coa mosca detrás da orella, polo que podemos tranquilizalos porque, desde o PP, faremos todo o posible para que se cancele este estudo informativo de inmediato e se reinicie o proceso de inmediato, porque Caldas precisa dunha circunvalación”.
Polo demais, Comesaña tamén alertou de que Pedro Sánchez “pretende seguir asfixiando á xente” con máis subas de impostos “malia que cada día hai máis dificultades para chegar a final de mes”, posto que anunciou unha decena máis tras acometer máis dun cento nos seus oito anos e medio na Moncloa. Fronte a este modalidade de voracidade fiscal, o candidato anuncioulles aos caldenses que o PP e Alberto Núñez Feijóo acometerá baixadas xeralizadas de impostos, sobre todo para familias con fillos, rendas baixas e medias e autónomos. “Están tirando os moitos cartos que recadan e nin traballan nin xestionan, polo que os servizos públicos están no seu peor momento. España pode volver a funcionar con rigor e a seriedade de Feijóo cuns impostos máis baixos e xustos”, detallou.
LUIS LÓPEZ: “EN PONTEVEDRA O CAMBIO SÓ SE CONSEGUE CO PP”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, apelou ao voto útil no mitin celebrado na capital do Umia, xa que lembrou que a circunscrición de Pontevedra “é unha das consideradas clave en toda España para o cambio necesario, que pasa exclusivamente pola papeleta do PP”. “A persoa que teña claro que non quere que siga Sánchez, o que ten que saber que, en Pontevedra, iso só se consegue co voto ao PP, calquera outra opción favorece a continuidade de Sánchez na Moncloa”, advertiu.
Ademais, Luis López tamén advertiu de que Caldas sufre dobremente o “desgoberno” que padecen todos os españois con Pedro Sánchez, xa que á mala xestión e abandono do presidente do Goberno “engádese un executivo municipal moi parecido, conformado por unha coalición de perdedores á que só lle importan os seus intereses”, polo que reclamou un apoio maioritario dos caldenses a Alberto Núñez Feijóo “para iniciar nesta vila o cambio necesario que, no próximo mes de maio, se plasmará noutro na Alcaldía coa chegada do PP”.
Finalmente, o voceiro municipal, Fernando Pérez, e a candidata número 6, a concelleira Sara Martínez, agradeceron o enorme traballo e apoio do partido, principalmente dos deputados nacionais e autonómicos, para tumbar provisionalmente a Variante Oeste concebida de xeito nefasto polo PSOE e amosaron a súa confianza no futuro co “sentidiño” de Alberto Núñez Feijóo.


