Comesaña critica o absoluto incumprimento de Sánchez en materia de vivenda pública e asegura que lle debe 3.542 á provincia

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, abordou hoxe a situación da vivenda pública nunha visita ao barrio vigués de San Paio de Navia e contrapuxo o modelo popular, perfectamente visible en Galicia coa construción de ata 10.000 no horizonte do ano 2030, co socialista de Pedro Sánchez, centrado na inacción total na creación de espazos residenciais protexidos e trasladando a resolución deste problema aos propietarios.
Comesaña, acompañado da tamén candidata Irene Garrido, criticou en primeira instancia o absoluto incumprimento do presidente do Goberno en materia de vivenda pública, xa que lembrou que ao comezo da lexislatura prometeu 184.000 en toda España e “non existen”. Neste senso, engadiu que Sánchez débelle 3.542 á provincia de Pontevedra, das que algo máis de 1.100 deberían ser para a cidade de Vigo en base ao peso poboacional e ás necesidades do mercado.
Así, o número 1 da candidatura popular lamentou o agravamento da situación da vivenda no período 2023-2026 polas políticas erróneas e erráticas dos socialistas e concretou que a solución de futuro pasa pola construción. Nesta liña, reafirmou o compromiso de Feijóo de construír ou mobilizar solo para un millón de vivendas públicas e apostillou que “é exactamente a mesma fórmula que está a facer o PP en Galicia desde a Xunta, con 4.600 en marcha en toda a comunidade -en diferentes graos desde a contratación ata as obras- para alcanzar as 10.000 dentro de catro anos e coa urbanización de espazos para crear 20.000 máis de carácter público”.
“É moi fácil de entender, posto que hai moita máis demanda que oferta, polo que un Goberno responsable debe facer políticas para medrar a oferta. As mesmas pasan por construír para dar solución a un mercado que asfixia á xente polos elevados prezos e a falta de pisos, en vez de cargarlle o problema aos pequenos propietarios, que é o que pretende o PSOE cos seus decretos e que ademais reducen aínda máis a oferta de vivendas, porque eses cidadáns as están a retirar do mercado”, manifestou Comesaña.
O cabeza de lista do PP ao Congreso recalcou que a Xunta, con Alfonso Rueda ao fronte, comezou a construír vivenda pública a un dos ritmos máis elevados de España tan pronto como se converteu nunha necesidade importante para os cidadáns “e esa é a mesma receita que Feijóo vai implantar no Goberno de España e que xa estaría en marcha se o país non houbera perdido estes últimos tres anos”.
Ademais, e ante as habituais manifestacións dos socialistas presumindo sobre as transferencias de fondos do Estado, o candidato popular aclarou que “se trata dunha obriga legal do Goberno de España porque falamos de fondos que proceden dos impostos dos galegos”, pero recalcou que logo é o PP, a través da Xunta, o que decide a que se adican eses cartos e xa demostrou que a súa prioridade é a vivenda. Nesta liña, ironizou con que “o PSOE non sabe ben do que presume”, xa que en agosto falaron dun traspaso de 45 millóns para vivenda a prol de Galicia e hai uns días o seu candidato dixo desde Poio que foron 650 millóns: “Creo que, se hai unha cifra, descoñécena por completo e agora xa apuntan por elevación”.
Finalmente, Comesaña anunciou que o futuro Executivo de Alberto Núñez Feijóo “terá a máxima e xusta sensibilidade” con Galicia en materia de vivenda pública e adiantou que Vigo, como cidade máis importante da comunidade, será o modelo e unha referencia, como demostra a Xunta coa construción de promoción ata alcanzar as 1.600 en San Paio de Navia.


