Comesaña contrapón en Salceda o modelo de vivenda do PP coa licitación de 32 pisos públicos co “cero absoluto” dos oito anos do Goberno de Sánchez

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, abordou hoxe a situación da vivenda pública nunha visita a Salceda de Caselas e contrapuxo o modelo popular, perfectamente visible en Galicia coa construción de ata 10.000 no horizonte do ano 2030, co socialista de Pedro Sánchez, que ten como resultado un “cero absoluto” na creación de espazos residenciais protexidos e que traslada a resolución deste problema aos propietarios.
Comesaña, acompañado polo candidato ao Senado o voceiro municipal, Santi Davila, e o deputado autonómico Moisés Rodríguez, visitou as dúas parcelas das futuras vivendas públicas na localidade salcedense e salientou o importante investimento da Xunta, de 6,7 millóns de euros, “que se enmarca na política do PP de construír, que é a única solución ante o evidente déficit de oferta de pisos tanto para a compra como o alugueiro, e que tamén é o remedio para conter ou baixar os prezos disparados”.
Esta actuación desenvolverase en días parcelas nas que se erguerán dous edificios: un con 14 vivendas e outro con 18, que ademáis se están a axilizar ao máximo grazas á unificación dos mesmos nun só contrato cuxas ofertas se poderán presentar ata o vindeiro 11 de decembro.
Para Santi Davila, a construción destas 32 vivendas de promoción pública é unha excelente noticia para Salceda de Caselas e unha mostra da atinada maneira do PP de afrontar este problema: “Como veciño, alégrame profundamente ver que se dan pasos firmes e investimentos para facilitar o acceso á vivenda no noso concello, especialmente para as familias e os mozos que queren construír aquí o seu futuro, polo que se demostra que a Xunta cumpre coa nosa veciñanza”.
DÉBEDA DE 35 VIVENDAS DE SÁNCHEZ CON SALCEDA
Polo demais, Comesaña criticou o absoluto incumprimento do presidente do Goberno en materia de vivenda pública, xa que lembrou que ao comezo da lexislatura prometeu 184.000 en toda España e “non existen”. Neste senso, engadiu que Sánchez débelle 3.542 á provincia de Pontevedra, das que unas 35 deberían ser para Salceda de Caselas en base ao seu peso poboacional e ás necesidades do mercado.
Así mesmo, o número 1 da candidatura popular lamentou o agravamento da situación da vivenda no período 2023-2026 polas políticas erróneas e erráticas dos socialistas e concretou que a solución de futuro pasa pola construción. Nesta liña, reafirmou o compromiso de Feijóo de construír ou mobilizar solo para un millón de vivendas e apostillou que “é exactamente a mesma fórmula que está a facer o PP en Galicia desde a Xunta, con 4.600 en marcha en toda a comunidade -en diferentes graos desde a contratación ata as obras- para alcanzar as 10.000 dentro de catro anos e coa urbanización de espazos para crear 20.000 máis de carácter público”.
“É moi fácil de entender, posto que hai moita máis demanda que oferta, polo que un Goberno responsable debe facer políticas para medrar a oferta. As mesmas pasan por construír para dar solución a un mercado que asfixia á xente polos elevados prezos e a falta de pisos, en vez de cargarlle o problema aos pequenos propietarios, que é o que pretende o PSOE cos seus decretos e que ademais reducen aínda máis a oferta de vivendas, porque eses cidadáns as están a retirar do mercado”, concluiu Comesaña.


