Rueda pide investir uns minutos en votar este domingo para derrogar o sanchismo e lograr catro anos de estabilidade e bo goberno con Feijóo

20, xullo, 23.-

O presidente do PPdeG volveu facer un chamamento ao voto afirmando que renunciar a dez minutos de praia, de descanso ou de ocio este domingo valerán a pena se evitan catro anos máis de sanchismo e permiten demostrar que Mos, que Pontevedra e que Galicia non lle fallan a Alberto Núñez Feijóo

Puxo a Nidia Arévalo como exemplo da “política esixente” que caracteriza ao PP e que implica dar todo dun mesmo antes de pedir nada aos demais, non conformarse co que hai e tratar de superarse, defender os intereses dos veciños por riba de todo e aproveitar o tempo facendo máis e non poñendo escusas

Amosouse convencido de que Feijóo fará extensiva esa política que practicou xa en Galicia a toda España e de que isto suporá por fin o remate do castigo aos galegos e a recuperación de todo o tempo perdido nestes cinco anos

Suporá tamén poder falar en serio dos fondos europeos e de apoio a un sector tan importante para Vigo e para Mos como é o da automoción, resolver a chegada dos trens Avril e contar cun compromiso firme co Corredor Atlántico de Mercadorías por parte dun parte dun novo Goberno ao que, ademais, non haberá que poñerlle en antecedentes do que necesita Mos

Incidindo na importancia de ir votar o domingo e non confiarse, Rueda asegurou que hai que confirmar nas urnas a boa dirección que marcan as enquisas, xa que só as papeletas dan a vitoria real e supoñen o único triunfo válido

Reivindicou que non se trata dun imposible porque así o demostran as maiorías amplas do PP en Galicia e en Mos, sinónimo de que gobernar ben non consiste en aumentar o número de ministerios, senón en aumentar a calidade de vida da xente; así como de que é posible ter como únicos socios ao conxunto dos galegos e non a unhas minorías radicais

Alfonso Rueda pediu abrir o PP a todos os votantes de cambio que queren pasar páxina o domingo e que a papeleta da formación sexa a de todos os que queren unidade, solvencia e un país estable

Explicou que cada papeleta conta porque cada voto á esquerda será un aval para os que non están pensando en gañar, senón en que non gañe o PP; como xa ocorreu anteriormente en moitos municipios e comunidades autónomas

Facendo referencia ao debate de onte entre “os tres aspirantes a líderes da oposición”, o presidente do PPdeG apuntou que só serviu para ratificar que o candidato socialista é chantaxeado polos seus socios e que outros só teñen como único obxectivo que non haxa maioría do PP

Reivindicou que só o PP sae a gañar para gobernar e non resistir e faino porque hai unha España sensata que admira o que se fai en Galicia e porque son maioría os que apostan por un goberno semellante ao galego na Moncloa

Un goberno, explicou, que só se deba aos intereses dos españois e non estea rendido a unha vintena de partidos, que xestione e non estea só preocupado pola súa propia supervivencia, que estea unido e non trate de dividir á sociedade e que sexa responsable, sensato e sereno

De aí que pedira aos seus investir uns minutos de tempo en catro anos de estabilidade e bo goberno, para poder irse de vacacións sabendo que de regreso volverá a rutina pero non o sanchismo

 

ANA PASTOR: “O PP É O ÚNICO PARTIDO CAPAZ DE RECUPERAR A UNIDADE, A ESTABILIDADE, O PROGRESO E A CONFIANZA”

A cabeza de lista ao Congreso pola provincia insistiu tamén na necesidade de que “a política á galega se traslade ao Goberno de España cun presidente galego que coñece Galicia concello a concello, que sempre estivo entre a xente e atento ás súas necesidades e expectativas”

Ana Pastor asegurou que o PP é “o único partido capaz de recuperar a unidade, a estabilidade, o progreso e a confianza”, xa que ten demostrado noutras ocasións “ser capaz de xestionar ben e sacar a España das crises económicas nas que nos deixaron sumidos os socialistas”

 

PEPA PARDO: “FEIJÓO É A SOLUCIÓN PARA RECUPERAR O RUMBO E DAR A ESPAÑA O CAMBIO QUE MERECE”

A número 1 ao Senado por Pontevedra pediu o voto a todas as persoas que están “fartas das mentiras e dos desprezos do Goberno de Sánchez a Galicia” e queren “estabilidade, seguridade xurídica e política seria”

“A todos eles hai que dicirlles que Alberto Núñez Feijóo é a solución para recuperar o rumbo e dar a España o cambio que merece”, engadiu

En referencia á súa compañeira de lista, Pardo asegurou que Nidia Arévalo é “unha muller forte, sen complexos, que leva Mos por bandeira e coa que, a partir deste domingo, os mosenses tamén terán voz no Senado”

 

NIDIA ARÉVALO: “FEIJÓO DÁ A MÁXIMA IMPORTANCIA AO MUNICIPALISMO E SABE QUE ESPAÑA SE CONSTRÚE TAMÉN DE POBOS E ALDEAS”

A alcaldesa e candidata ao Senado reivindicou as súas catro maiorías absolutas á fronte do Concello de Mos e a colaboración que sempre mantivo con Feijóo durante os seus anos como presidente da Xunta: “Sei como traballaba como presidente de Galicia e sei que traballará igual como presidente de España: con lealdade, rigor e responsabilidade”

“Ter un presidente como Feijóo é un valor seguro, porque coñece cada camiño dos nosos concellos, dá a máxima importancia ao municipalismo e sabe que España se constrúe con todas e cada unhas das persoas dos pobos e das aldeas. Por iso vainos dar a importancia que merecemos”, subliñou