Pepa Pardo reclama regular o voto telemático das entidades locais en prol da conciliación e consegue que o Senado aprobe a toma en consideración da modificación da Lei Reguladora de Bases do Réxime Local
Venres, 12 de abril de 2024.
O Senado aprobou esta semana a proposta do Grupo Parlamentario Popular para a toma en consideración da modificación da Lei de Bases do Réxime Local, de maneira que regule a posibilidade de asistencia telemática e voto a distancia para os alcaldes e concelleiros de toda España, en caso de atoparse de baixa por maternidade, paternidade, embarazo de risco ou grave enfermidade.
A portavoz adxunta do PP e senadora por Pontevedra, Pepa Pardo, afirmou que se trata, en definitiva, de que os cargos electos “non teñan que elixir entre ser pai ou nai e exercer o seu dereito de participación política”, algo “impropio” dunha sociedade avanzada, “a pesar de que para Sánchez ser concelleiro de pobo non teña ningún valor”.
Así, a Cámara Alta aprobou a modificación do artigo 46 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, cunha ampla maioría de apoio da Cámara.
A senadora e concelleira de Pontevedra expuxo algúns casos “delirantes” vividos na súa cidade, como a aprobación dos orzamentos municipais pola baixa cirúrxica doutro concelleiro. “Que difícil entender e xustificar todo isto, verdade señorías?”, preguntou a senadora ao resto da Cámara.
Pardo sinalou que “en pleno século XXI é unha verdadeira anomalía que non sexamos capaces de poñer os instrumentos” dos que dispoñemos ao dispor da conciliación e da igualdade.
Pepa Pardo explicou que a Lei de 2007 de Igualdade Efectiva incorporou un mandato para acometer os cambios para posibilitar os permisos de maternidade e paternidade que ostenten un cargo electo, “pero tras 17 anos de bochornoso silencio, segue sen desenvolverse”.
Un silencio lexislativo que “moitos interpretan en contra da evolución social ou tecnolóxica, levantando muros á conciliación e a igualdade”. Por iso, a senadora por Pontevedra pediu o apoio ao conxunto da Cámara a esta toma en consideración e lembrou aos grupos que manifestou a súa falta de apoio que “isto vai de feitos, non de palabras”, para engadir que “a Administración debe dar exemplo”.
Lembrou que o voto a distancia é un dereito recolleito na normativa europea, en artigo 23 da CE e que “se foi abrindo camiño” nas Cortes Xerais, así como en moitos parlamentos autonómicos, deputacións e concellos. Pero, lembrou que en plena pandemia a RD Lei 11/2020 limitou a posibilidade de voto a distancia só ás situacións excepcionais de forza maior, de grave risco colectivo ou catástrofes.
En palabras da senadora popular, desaproveitouse “unha oportunidade histórica” para introducir “tan necesaria reforma” para que as circunstancias persoais ou familiares non sexan un obstáculo que afecte os miles de concelleiros e alcaldes no seu labor como cargos electos.