Os deputados no Congreso do PP de Pontevedra alertan da inseguridade na provincia e instan ao Goberno central a apoiar e comprometer a presenza da Garda Civil en todo o territorio
Luns, 16 de setembro de 2024.
Os Deputados do Partido Popular, Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Bayón, denuncian o aumento da criminalidade no últimos seis anos de Goberno de Pedro Sánchez, tras coñecer o balance do primeiro semestre de 2024 publicado polo Ministerio do Interior e alertan de que seguen sen diminuír os delitos na provincia.
A criminalidade en España segue aumentando ano tras ano desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno, xa que segundo os últimos datos publicados polo Ministerio do Interior, a criminalidade aumentou un 3% no primeiro semestre de 2024, pasando a taxa de criminalidade por cada mil habitantes de 43,9 puntos en 2017 a 51,7 na actualidade. Na provincia de Pontevedra seguen aumentando, de forma preocupante, os delitos sexuais.
Na nosa provincia, comparando o mesmo semestre de 2024 co de 2018, cando gobernaba o Partido Popular, aumenta a criminalidade un 27,84%, pasando as infraccións penais do 12.773 entre xaneiro e xuño de 2018 ao 16.329 de xaneiro a xuño de 2024. Destaca o incremento dos delitos contra a liberdade sexual que crecen un 55,7%, e Tamén sinalan o aumento dos delitos por tráfico de drogas nun 61%.
Ante o alarmante crecemento dos delitos e concretamente os de índole sexual, os deputados reclaman máis medios contra a loita da violencia de xénero, pois se incrementaron un 52,97% na provincia desde xuño de 2018, pasando dos 11.006 casos en xuño de 2018 a 16.836 en xuño de 2024.
O Ministerio do Interior mantén o mesmo número de efectivos dedicados a VIOGEN, que ocasiona que queden desatendidas as patrullas de seguridade cidadá ou doutros grupos operativos para axuda aos labores de VIOGEN, e suplir a clamorosa carencia de persoal, pois na actualidade o Ministerio do Interior ten dedicados a VIOGEN na provincia a 31 Policías Nacionais e 31 Gardas Civís, segundo os datos proporcionados polo propio Ministerio.
Na provincia de Pontevedra o catálogo da Garda Civil está incompleto e obsoleto, tendo un déficit de máis de 140 axentes, que fai que existan “cuarteis pantasmas”, onde se reduciu o horario de atención presencial e noutros e non abren todos os días nin as 24 horas do día.
Por tal motivo, os deputados rexistraron esta semana unha Proposición non de Lei para que o Goberno garanta a seguridade nas zonas rurais como dereito social básico e paralice o plan de desmantelamento da Garda Civil no rural español. Que entre varias medidas solicitan:
- Apoiar e recoñecer o labor que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presenza en todos os Cuarteis da Garda Civil despregados por todo o territorio español, dotándoa de máis medios persoais e materiais.
- Colaborar cos Concellos das zonas rurais no mantemento da seguridade cidadá.
- Elaborar un Plan de Incentivo Profesional e Económico para os axentes que queiran ocupar os postos de baixa demanda do medio rural.
- Aprobar nas próximas convocatorias de emprego público o dobre de prazas das
- aprobadas ata a actualidade para a Garda Civil, ata cubrir as baixas existentes.
- Realizar os investimentos necesarios para mellorar os Cuarteis da Garda Civil que se atopan en mal estado.