Os candidatos do PP presentan o seu programa deportivo ante clubs e federacións
19, xullo, 23.-
Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Pedro Puy e Pepa Pardo, presentaron esta mañá as propostas en materia deportiva do programa electoral co que concorren ao 23 de xullo, un proxecto co que os populares aspiran a que España sexa aínda máis referente global do deporte, que contribúa á proxección do país en todo o mundo. “O deporte forma parte de todos os ámbitos da vida. O deporte é educación, é saúde, son valores, é esforzo e dedicación, e por iso desde o PP apostamos polo deporte como un elemento imprescindible para o benestar individual e social”, sinalou Pepa Pardo.
Foi durante un encontro con representantes de clubs e federacións deportivas, no que tamén participaron José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte, e LupeMurillo, voceira de deportes do PP no Parlamento galego. Pedro Puy, que ademais de ser o número 3 da provincia ao Congreso tamén participou na redacción do programa electoral, explicou que o PP proporá un plan nacional para a saúde física e mental a través do deporte e seguirá impulsado a estratexia de fomento da actividade física e loita contra o sedentarismo, incrementando as sesións e o horario do currículo da educacións física en primaria e secundaria. No seu programa, inclúen tamén a xeneralización da receita deportiva para que a actividade física orientada á saúde consolide o seu papel determinante e sexa un factor de igualdade.
Con respecto ao deporte feminino, Puy destacou que o PP apoiará de xeito decidido para promover unha maior visibilización e ofrecer maior apoio para a súa proxección competitiva, nacional e internacional, pero tamén promoverá a presencia da muller na xestión e liderazgo deportivo.
Os populares tamén apostan por apoiar a celebración de competicións deportivas como escaparate, e traballarán da man dos axentes deportivos para fortalecer o sistema competitivo, avanzarán no investimento social no deporte a través de formas de mecenazgo e incentivos fiscais e por presentar os valores deportivos en todos os ámbitos de práctica deportiva, tanto a nivel profesional como amateur.