O PP sitúa ás familias no eixo do seu programa e propón un gran pacto de apoio á maternidade, á infancia e á conciliación

11, xullo, 23.-

O Partido Popular sitúa ás familias no eixo do programa electoral co que concorre ás eleccións xerais do 23 de xullo, e propón un gran pacto de apoio á maternidade e paternidade, á infancia e á conciliación. Así o explicaron esta tarde os candidatos ao Congreso e ao Senado, Juan Andrés Bayón e Pepa Pardo no encontro “É o momento das familias”, ao que asistiron axentes sociais da cidade e que contou, tamén, coa participación de Fabiola García, a responsable de Política Social do Goberno galego.

Pepa Pardo, número 1 ao Senado, asegurou que “a política social é esencial para o Partido Popular e as familias configuran o epicentro do noso programa”, e anunciou que a proposta de Feijóo é dotar de ferramentas que faciliten a vida e o día a día das familias, das nais e dos pais. Recordou que “é un presidente do que coñecemos ben a súa xestión e súa capacidade para resolver os problemas da cidadanía e por iso sabemos que podemos confiar, que trasladará ao Goberno de España un modelo que funciona en Galicia e que foi recoñecido con catro maiorías absolutas”.

Entre as propostas, avanzou que os populares trasladarán ao resto do país a medida pioneira impulsada polo Goberno galego, como é a gratuidade das escolas infantís 0-3 anos. Ademais, apostarán por bonificar a contratación daquelas persoas que decidan reincorporarse á vida laboral tras dedicarse durante anos ao coidado dos seus fillos; ampliar o permiso de maternidade e paternidade das familias monoparentais; así como facilitar medidas para potenciar que as empresas ofrezan maior flexibilidade horaria sen afectar nin ás horas traballadas nin ao salario.

Tamén inclúen iniciativas para aliviar a economía dos fogares, como baixar os impostos, rebaixa do IVE das carnes, do peixe e das conservas, así como do IRPF para as familias medias e baixas. “En resume, o que queremos é poñer os recursos e os medios a disposición das familias, garantindo a liberdade e a igualdade de oportunidade para todas”. Nesta liña, aclarou que “aínda que Pedro Sánchez diga que vai todo como unha moto, a realidade é que hai moitas familias que teñen problemas para chegar a fin de mes; e outras incluso retrasan a idade de ter fillos porque non saben como conciliar ou como afrontar todos eses gastos…”

O vilagarcián Juan Andrés Bayón, que agradeceu a labor que realizan diariamente todos os colectivos que asistiron á reunión, destacou que “desde o PP sempre estivemos ao lado das familias, dos servizos sociais e dos maiores”. Un compromiso que, engadiu, “demostramos naqueles sitios nos que gobernamos”, e puxo de exemplo a importante labor do Goberno galego na cidade: a ampliación do centro Amencer, a gratuidade das escolas infantís 0-3 anos, o aumento das partidas orzamentarias para Servizos Sociais ou o servizo de axuda no fogar, entre outros. Con respecto ao SAF e á dependencia, lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez leva tempo incumprindo coa Lei de dependencia e non está traspasando ás comunidades autónomas o 50% dos fondos que lle corresponde. “É evidente que un goberno que incumpre coas súas obrigas en materia social non pode colgarse ningún tipo de medalla”, engadiu.