O PP reitera o seu compromiso para rexenerar a praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, co Goberno de Feijóo
10, xullo, 23.-
O Partido Popular reiterou esta mañá en Vilagarcía de Arousa o seu compromiso para rexenerar a Praia do Preguntoiro, en Vilaxoán. Ata alí se trasladaron os candidatos ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Juan Andrés Bayón, Pepa Pardo e Sabela Fole, acompañados pola secretaria xeral do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a voceira local, Ana Granja. “Estamos aquí para dicirlle aos veciños de Vilagarcía que temos palabra e que cando Feijóo goberne imos incluír este proxecto nos orzamentos xerais”, subliñou Pastor.
A candidata recordou que a última actuación de rexeneración se fixo co PP, e que nos últimos anos se presentaron emendas aos orzamentos para incluír este proxecto que sempre foron votadas en contra por PSOE, BNG e por quen agora se presenta como SUMAR.
Unha falta de compromiso que provocou, segundo comprobaron, “que a imaxe da praia sexa a dun areal sen area, sen estar habilitada para persoas con mobilidade reducida, sen unha sinalización adecuada, con tapas de sumidoiro polo medio do areal…”. Por iso, din que a actuación é fundamental e debe facerse en consenso co sector marisqueiro, xa que nesta praia tamén hai cultivo de ameixas.
Pola súa banda, Juan Andrés Bayón denunciou que “os socialistas levan catro anos sen facer ningún tipo de actuación nesta praia, que deixou de ser unha referencia en Vilagarcía polo seu estado deplorable”. Nesta liña, dixo que “o goberno de Alberto Varela é coñecedor desta situación e non fixo nada ao respecto”. Ao contrario, engadiu o popular, “agora en campaña atrévese a dicir que esperan que se cumpra o compromiso do Ministerio con Vilagarcía, cando o certo é que se leva demostrado que en cinco anos non fixeron outra cousa máis que incumprir coa nosa cidade”.
Por iso, confían en que a cidadanía diferencie “entre unha proposta electoralista e a realidade, porque cando un partido como o PSOE rexeita unha emenda específica para rexenerar a praia do Preguntoiro demostra claramente cales son as súas intencións”.
Por último, os populares pediron concentrar o 23 de xullo o voto en Núñez Feijóo e no PP porque “é a única forma de poñer fin ao Sanchismo e ao Goberno Frankenstein”.