O PP provincial de Pontevedra presenta unha moción na Deputación solicitando máis concreción e o impulso inmediato da liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa
Luns, 9 de setembro de 2024.
O voceiro popular do PP na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela adiantou hoxe que este vernes o grupo popular presentará no pleno da corporación provincial unha moción que respalda a Proposición non de Lei relativa ao impulso da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto-Lisboa presentada no Congreso dos Deputados e asinada por todos os representantes galegos na Cámara alta para o seu debate na Comisión de Transportes y Movilidad Sostible.
Segundo explicou Jorge Cubela, o pasado 2 de xullo en Valença do Minho foi subscrito un Manifesto para o impulso desta liña de alta velocidade, entre o presidente da Xunta de Galicia e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, co obxectivo de defender esta infraestrutura tan prioritaria e estratéxica para o desenvolvemento social e económico, principalmente da provincia de Pontevedra como de Portugal.
Por parte da nosa comunidade adheríronse ao Manifesto as Confederacións de Empresarios de Galicia e das catro provincias, así como as Deputacións de Lugo, Ourense e a corporación provincial, de Pontevedra, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) Norte de Portugal, Río Miño e Chaves-Verín, as Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e os consellos sociais das tres universidades galegas, o Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal e a Fundación de Centro de Estudios Eurorrexionais.
En representación portuguesa subscribiron o documento a Asociación Empresarial de Portugal (AEP), a Asociación de Desenvolvemento Rural Integrado da Lima, a Comunidade Intermunicipal do Cávado, as cámaras municipais de Valença, Chaves e Ponte da Lima, a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
No citado Manifesto todos expresan o apoio á conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Lisboa, tal e como fora aprobada previamente nos Cumios lbéricos. Ademais, xa desde fai máis de dez anos tanto os representantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como despois nos sucesivos Cumios Ibéricos, recoñeceron a prioridade da conexión, que se reitera en cada encontro internacional. “Estamos vendo que hai compromiso de todas as partes afectadas e potencialmente beneficiarias, pero non hai avances, principalmente por parte do Goberno de España”, lamentou Cubela.
Así, por exemplo, no último Cumio Ibérico, que tivo lugar en Lanzarote en marzo de 2023, os dous gobernos comprometéronse a «impulsar as actuacións de nova infraestrutura… en especial o Corredor Atlántico”. O que deixa ben claro que a conexión en alta velocidade entre Vigo, Porto e Lisboa constitúe unha actuación prioritaria para ambos Estados. Este mesmo compromiso foi renovado polo goberno portugués e o galego, no mes de maio de 2024 en Lisboa, na reunión celebrada entre o presidente da Xunta de Galicia, e o ministro de Infraestruturas e Habitaçao de Portugal.
O voceiro popular precisou que é necesario coñecer as disposicións orzamentarias e un calendario realista, de aí, a necesidade de poder contar cunha programación completa de actuacións, investimentos e fitos para o desenvolvemento da conexión Vigo-Porto a través de tren de alta velocidade.
“Dado que a actual conexión, o denominado Tren Celta entre Porto e Vigo, rolda as dúas horas e media na duración do traxecto, é preciso que mentres a conexión do Eixo Atlántico non se materialice, se leven a cabo as actuacións para ofrecer este servizo en condicións adecuadas e non coas que conta actualmente, con trens moi obsoletos e cunhas prestacións de servizo que fai falta actualizar con urxencia”, indicou Jorge Cubela.