O PP Provincial apoiará a reclamación de Galicia para obter o traspaso e a gratuidade da AP-9 cunha moción na Deputación na que esixe estas medidas ao Goberno de España
Xoves, 27 de xuño de 2024.
O Grupo Provincial do PP de Pontevedra vai amosar o seu apoio á reclamación da Comunidade Autónoma de Galicia para obter o traspaso e a implantación da gratuidade de tarifas de peaxe na autoestrada AP-9 cunha moción que se debatirá mañá, no pleno ordinario de xuño da Deputación, e na que se esixen estas medidas ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible.
Os populares consideran que, desde o organismo provincial, “tamén hai que facer forza e presión sobre esta xusta e necesaria reivindicación” co obxectivo de complementar as demandas que xa se cursaron neste senso desde a Xunta de Galicia, o Parlamento galego e incluso o Congreso dos Deputados, onde o pasado 14 de xuño se aprobou, por vez primeira, unha moción con estas propostas malia a “vergoñenta e covarde abstención anti-galega” dos socialistas.
“Non pode pasar nin un minuto máis e o Goberno de España ten que transferir de inmediato a autoestrada AP-9 a Galicia e establecer os mecanismos económicos pertinentes para implantar a gratuidade das peaxes, xa que é fundamental para unha axeitada mobilidade e para impulsar o transporte a través dunha vía que vertebra o territorio e que acolle diariamente a 25.458 usuarios”, sinalou o voceiro provincial, Jorge Cubela, que se amosou convencido de que a liberalización “favorecerá aínda un maior uso, axudando ás economías das familias e potenciando o desenvolvemento socioeconómico da nosa provincia e de Galicia”.
Por elo, Cubela agarda que os socialistas pontevedreses actúen “con valentía, non como fixeron os seus compañeiros no Congreso, e defendan os intereses da provincia”, aínda que amosou as súas dúbidas polas “erráticas posicións e os constantes cambios de opinión” que ten o PSOE sobre este asunto, “agás que a transferencia e a gratuidade da AP-9 só puidesen ser posible se os galegos votasen ben e permitisen que José Ramón Gómez Besteiro fose presidente da Xunta, xa que foi o que prometeu na campaña das autonómicas, pero non sabemos ben se foi unha chantaxe ou un compromiso convencido de que era o mellor para Galicia”.
Finalmente, o voceiro popular amosouse convencido de que a unidade de acción nesta reclamación, que por iso tamén se quere cursar desde a Deputación de Pontevedra, “vai ser fundamental para convertela nun clamor que venza a pechazón do ministro Óscar Puente neste asunto, co que castiga a Galicia mentres liberaliza autoestradas noutros puntos de España e fai unha puxa sen sentido falando primeiro de 4.000 millóns de euros e logo de 6.000, sen ningún criterio e co propósito baldío de que calle a idea de que é imposible economicamente”.