O PP pide no Porriño o voto para Núñez Feijóo, porque “ninguén mellor que el coñece e defende os intereses da Louriña e da provincia”

13, xullo, 23.-

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Pepa Pardo, Nidia Arévalo e Santiago Rodríguez Davila visitaron esta mañá no Porriño as instalacións da empresa CEAMSA, acompañados pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e polo alcalde, Alejandro Lorenzo, para presentar a proposta do PP en materia industrial que, como explicou Pastor, conta cun plan de reindustrialización do país e inclúe unha reforma fiscal para favorecer o investimento, atraer capital nacional e estranxeiro para crear emprego e xerar riqueza.

Así, Ana Pastor defendeu que o Partido Popular ten un proxecto de futuro para España e para Galicia, desde a centralidade e no que se poden ver representados toda a cidadanía, incluso aquelas persoas que noutras ocasións votaron a outros partidos. “Podemos asegurar que este proxecto quere xerar riqueza e oportunidades para todos, sen extremos, sen enfrontamentos, sen confrontación e sempre desde a unidade e a concordia”..

Durante a visita, a popular asegurou que o PP está preocupado polos problemas do Porriño, de Vigo e de toda a provincia: “durante estes cinco anos interesámonos e defendemos os intereses dos nosos concellos, mentres outros non fixeron os deberes. Agora, os socialistas veñen a falar de infraestruturas que necesitan Vigo e toda a súa área, pero a pregunta é por que non fixeron absolutamente nada nestes cinco anos, por que non apostaron por esta provincia?”.

Pola súa banda, a número 3 ao Senado, Nidia Arévalo, recordou que Núñez Feijóo, cando gobernaba a Xunta  e como tamén fai agora Alfonso Rueda, “sempre apostou pola industria, a creación de emprego e a nosa comarca”, e por iso, pediu o voto para o PP, “porque ninguén coñece e defende mellor que Fejóo os intereses da Louriña e desta provincia”.