O PP esixirá no pleno da Deputación que o Goberno transfira de xeito urxente os medios para que Galicia poida xestionar de inmediato a costa a través da Lei do Litoral

Luns, 27 de maio de 2024.

O Grupo Provincial do PP vai esixir ante o pleno da Deputación de Pontevedra, a través dunha moción que se debatirá na sesión do vindeiro venres, que o Goberno de España convoque de xeito urxente a Comisión Mixta de Transferencias coa Comunidade Autónoma de Galicia para proceder ao traspaso urxente dos medios humanos e materiais que permitan que a Xunta poida xestionar de inmediato a nosa costa a través da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia.

“Despois de que o Tribunal Constitucional lle dera a razón a Galicia e avaliara a normativa aprobada polo Parlamento a instancias da Xunta, rexeitando o partidista recurso de inconstitucionalidade do PSOE a través do Goberno de España, cremos que hai que axilizar este proceso para poder vivir e desenvolver, coa conseguinte preservación medioambiental, o noso litoral”, sinalou a vicevoceira dos populares, María Ramallo, que lembrou que o Consello da Xunta xa solicitou formalmente a convocatoria desta comisión na súa sesión do pasado 13 de maio sen que, polo momento, se coñeza a resposta do Estado.

Os populares apuntan na súa moción que a provincia de Pontevedra vai ser a maior beneficiada desta nova normativa, xa que era a máis damnificada polas “moitas e incomprensibles restriccións” do regulamento de Costas, posto que conta con 24 concellos costeiros nos que residen 674.505 veciños -o 71,5% da poboación da provincia- que están afectados directa ou indirectamente “pola postura de pechazón do Goberno para que Galicia viva co seu mar e co seu litoral co respecto e a preservación natural que sempre caracterizou á nosa terra”.

Ademais, na provincia estaban en risco un total de 1.762 edificacións, das que 130 son inmobles industriais e outras 200 empresas da cadea mar-industria, xa que o fin último da normativa de Costas, que agora queda moi mediatizada pola entrada en vigor da Lei do Litoral, era varrer todo vestixio humano e físico dos terreos do Dominio Público Marítimo-Terrestre “nunha senda totalmente contraria  á identidade e dinámica socioeconómica de Galicia e amparándose nun falso ecoloxismo radical que non serve para protexer e coidar este territorio”.

Finalmente, os populares tamén reprocharon e censuraron as afirmacións do Grupo Provincial Socialista no pleno da Deputación do pasado 27 de outubro, categorizando que a lei galega era inconstitucional nunha postura de seguidismo partidista co Goberno de España, e vanlle esixir que emita unha rectificación pública e que pida desculpas á cámara e aos cidadáns da provincia de Pontevedra.