O PP esixe ao Ministerio de Transportes a mellora integral do firme e da seguridade viaria nos 125 quilómetros das tres estradas nacionais de Deza e Tabeirós-Montes

Luns, 8 de abril de 2024.

O PP vén de esixirlle ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que acometa de xeito urxente a mellora integral do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nos 125,5 quilómetros das tres estradas nacionais que percorren as bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes, a N-525, a N-640 e a N-541, xa que se atopan nun estado moi deficiente por mor da nula ou escasa labor de mantemento e conservación ao longo dos últimos seis anos.

Os populares fixeron esta reclamación ao pé da N-640 en Muimenta, emprazada no treito Lalín-Agolada, coa presenza do senador e alcalde José Crespo, os deputados autonómicos José Balseiros e María Martínez, o deputado provincial de Tabeirós-Montes e alcalde José López e os voceiros municipais Ignacio Maril, Jesús Otero, Cati Somoza, Carmen Seijas e Belén Cachafeiro.

Os representantes do PP nas distintas cámaras e nos municipios dezaos destacaron o apoio a esta reivindicación, “que se fai máis necesaria ca nunca porque as estradas nacionais están no peor estado da súa historia” –en palabras de José Crespo–, por parte da Deputación de Pontevedra, que vén de aprobar unha proposta do PP Provincial solicitándolle ao Goberno de España a inmediata modernización desta rede estatal nos 317,5 quilómetros das 11 vías destas características que percorren 27 municipios de Pontevedra.

Os populares sinalaron que as tres estradas nacionais que percorren Deza e Tabeirós-Montes polos concellos de Lalín, A Estrada, Silleda, Forcarei, Agolada, Dozón e Cerdedo-Cotobade –que teñen a rede máis longa de estradas nacionais de entre todas as bisbarras da provincia con case o 40% dos quilómetros totais– presentan numerosas deficiencias e desperfectos, sobre todo no que se refire ao estado do firme con innumerables fochancas, fendas e desniveis na plataforma, graves problemas de drenaxe, mala sinalización, falla de visibilidade, peraltes deteriorados e cruces perigosos, como consecuencia das escasas ou nulas labores de mantemento e conservación realizadas polo Ministerio de Transportes nos últimos seis anos.

Ademais, indicaron que estas tres estradas de titularidade estatal alleas ás vías de alta capacidade son fundamentais para a vertebración e a mobilidade dos veciños destas bisbarras, posto que son empregadas diariamente por ata 18.365 usuarios por xornada, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD) do propio Ministerio de Transportes.

En concreto, as estradas sobre as que se demanda unha actuación urxente son as seguintes:

Estrada Percorrido IMD máxima Quilómetros
N-525 Dozón-Lalín-Silleda-A Estrada 9.044 45,4
N-640 Agolada-Silleda-A Estrada 5.300 44,2
N-541 Forcarei-Cerdedo-Cotobade 4.021 35,9

Ao respecto, José Crespo explicou que esta proposta “é máis que xusta e necesaria porque o deterioro é evidente e perigoso e xurde do propósito do PP de defender ao noso territorio e esixir as melloras que nos corresponden fronte ao maltrato e abandono ao que nos ten sometido o PSOE desde o Goberno de España e, sen dúbida, o mal estado destas tres estradas nacionais é unha das principais preocupacións dos milleiros de usuarios que as empregan cada día”. “Invístese tres veces máis nesta materia en Cataluña malia ter unha rede estatal máis cativa ca galega, e o Goberno de España aínda ten proxectadas ou en marcha certas actuacións nas provincias de Lugo e A Coruña, pero a nosa provincia tena completamente de lado e iso afecta gravemente á seguridade viaria”, detallou o alcalde lalinense.

José Crespo engadíu que esta situación vén de ser denunciada, practicamente a diario, polos distintos grupos municipais dos sete concellos, veciños, usuarios, transportistas e ata o sector turístico, “e incluso foi admitida polo propio ministro Óscar Puente o pasado 7 de febreiro no Congreso dos Deputados e tamén polo PSOE e o BNG, que recolleron no seu acordo para a investidura de Pedro Sánchez o arranxo de Tramos de Concentración de Accidentes na N-640 e a N-541, dos que por certo nada sabemos, polo que cremos que hai unha unanimidade que xa se está a converter en clamor”.

Finalmente, o senador e alcalde lalinense lamentou que o Goberno de España se agoche “detrás dunha insuficiente mellora da N-541 que se centra basicamente en Forcarei, e da que non sabemos data malia anunciarse hai 14 meses, e dun contrato de mantemento plurianual de 112 millóns para cinco comunidades autónomas que non responde ás necesidades que teñen as estradas nacionais das nosas bisbarras e da provincia” e apostillou que os organismos automobilísticos independentes, como RACE ou AEA, recollen unha ducia de puntos negros na provincia, dos que dez pertencen á rede estatal e catro deles atópanse na N-640 e a N-541 ao seu paso por estas bisbarras do interior.

Ante esta situación, os populares anunciaron que van seguir coa liña de esixencia e demanda nesta materia ante o Ministerio de Transportes e, ademais de permanecer vixilantes en Madrid ante a evolución da proposta aprobada pola Deputación a través dos deputados e senadores nacionais, van presentar mocións nos 27 concellos da provincia polas que discorren estas estradas nacionais para seguir dándolle continuidade á reivindicación emprendida desde o organismo provincial presidido por Luis López.