O PP de Pontevedra acusa ao ministro Óscar Puente de ter paralizada e illada a Galicia unha vez máis, agora co peche do túnel da Cañiza
Pontevedra, 22 de outubro de 2024.–
A senadora popular da provincia de Pontevedra Nidia Arévalo acusou hoxe ao ministro Óscar Puente de ter paralizada e illada a Galicia, unha vez máis, agora co peche do túnel da Cañiza.
“O ministro rise de Galicia unha vez máis. Todos os galegos e galegas que necesitamos viaxar pola A-52 teremos que sufrir un atraso no noso traxecto. Como senadora do Partido Popular na provincia de Pontevedra, quero denunciar a tardanza na posta en marcha das obras de mellora do túnel da Cañiza. Tardanza porque o Ministerio decide precisamente levar a cabo as obras no peor momento posible, xa que se poderían ter feito na primavera ou no verán, e non agora, cando a climatoloxía non acompaña”, indicou Nidia Arévalo,
Os cortes de tráfico na autovía A-52, que une a toda a provincia de Pontevedra e Ourense coa meseta, produciranse ata o vindeiro sábado 26 de outubro e terán que empregarse os desvíos en ambos os sentidos polas estradas nacionais N-120 e N-559.
A senadora Nidia Arévalo denuncia a tardanza na posta en marcha das obras de mellora do túnel do Folgoso, na Cañiza, que afectarán ao tráfico da autovía A-52, que estará cortado durante seis días. Os vehículos deberán abandonar a A-52 no quilómetro 281,8 e reincorporarse no quilómetro 269,7. O que supón 12 quilómetros inhabilitados na autovía, co consecuente prexuízo para os usuarios ao ter que desviarse o tráfico polas estradas nacionais. Isto incrementa en 20 minutos calquera traxecto.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible decide agora que se leven a cabo os traballos de mellora no equipamento de seguridade do túnel, que sufriu danos por mor dun incendio no seu interior producido en setembro de 2023 e polos temporais de novembro de 2023.
Nidia Arévalo explicou que unha vez máis ponse de manifesto a discriminación que sofre Galicia coa desatención debido ás dilacións indebidas no referente ás responsabilidades estatais do Ministerio de Transportes. Non só nas necesarias obras de mantemento das estradas e autovías nacionais, nas problemáticas da rede ferroviaria, no deficiente servizo de trens de viaxeiros, nas avarías e nos atrasos que prexudican constantemente aos galegos e galegas. Senón tamén nos retrasos co Corredor do Atlántico e a desatención nas demandas de transferencia e gratuidade da AP-9.
“Os representantes do PSOE e do BNG en Galicia non defenden os intereses de Galicia ante o Goberno central e seguen prestando o seu apoio de balde a Sánchez, sempre contra as necesidades dos galegos e galegas”, indicou a senadora popular.
“O PP de Pontevedra quere poñer de manifesto que a responsabilidade do illamento que está a sufrir a nosa Comunidade tanto para o tráfico de vehículos, transporte de mercadorías,como para o transporte de pasaxeiros en autobuses; unida á nefasta xestión do servizo ferroviario, é única e exclusivamente do ministro de Transportes, Óscar Puente, como máxima autoridade executiva nestas áreas”, indicou Arévalo.