O PP de Poio celebra un mes do “goberno para todos” de Ángel Moldes

17 de xuño de 2023.

Ao cumprirse trinta días do Pleno Constitutivo co que deu comezo o mandato de Ángel Moldes, a executiva local do PP quixo felicitar ao novo alcalde de Poio por un mes “de goberno para todos”, o primeiro despois de 28 anos de poder en mans de nacionalistas. socialistas e populistas.

A xunta directiva dos populares valorou moi positivamente a acción do novo goberno neste inicio de mandato pese á herdanza recibida dos Tres Alcaldes, que abrangue a débeda máis alta da provincia, un millón de euros de facturas nos caixóns, partidas esgotadas na maior parte do orzamento, colapso administrativo causado pola mala xestión política de varios departamentos e un longo etcétera.

Recordaron que inmediatamente despois da investidura de Moldes, este e o seu equipo tiveron que facer fronte ás festas patronais de San Xoán, “e cumpriron con nota” pese a atoparse con problemáticas como a falta de contrato para a electricidade das atraccións e actuacións ou a necesidade de obter permisos para a tirada de fogos nun tempo récord. O San Xoán tamén foi escenario de varias novidades introducidas polo novo goberno, como o novo formato dos recoñecementos aos deportistas e o pregón, máis espazos de aparcamento, o silenciado temporal das atraccións para adaptala aos pacientes de autismo ou o despregamento de policía local para mellorar o tráfico e a seguridade, medidas todas que tiveron unha gran acollida.

Ademais, nos primeiros días, o novo goberno reuniuse cos funcionarios municipais para escoitalos, recoñecer a súa importancia e desenvolver canles e sistemas para afrontar man a man os retos que ten o concello cuns recursos limitados.

UN EQUIPO DE GOBERNO Á ALTURA DA EXTRAORDINARIA CONFIANZA DEPOSITADA POLOS VECIÑOS

Os populares quixeron facer unha mención especial aos nove concelleiros do PP que acompañan a Moldes na nova corporación e que están a demostrar que son as persoas axeitadas para afrontar os retos de Poio.

Así, recoñeceron o traballo desempeñado por Rocío Cochón, a nova concelleira de Urbanismo, que traballa desde o primeiro día para solventar os máis de 600 expedientes pendentes que deixou o Tripartito, e Turismo, un área fundamental nun Concello como Poio cos desafíos propios de principios de verán; así como de Tucho Muíños, delegado de Deportes, Persoal e Patrimonio, unha punta de lanza nas conversas co persoal municipal e que traballa desde o primeiro minuto cos clubs deportivos e no coidado da zona de especial protección patrimonial de Combarro.

Os populares tamén subliñaron o zafarrancho levado a cabo polos departamentos de Manuel Domínguez, concelleiro de Medio Ambiente, e Marcial García, responsable de Obras, Servizos, Parques e Xardíns, para poñer a punto as praias e os espazos públicos de todo o concello. García leva ademais unha apretada axenda de encontros con veciños que padecen o estado dos servizos públicos e as infraestruturas legado polo Tripartito.

Así mesmo, destacaron o traballo de Tamara González, que xunta as áreas de Saúde, Transparencia, Novas Tecnoloxías, Espazos Cidadáns e Mocidade, e que traballa xa cos distintos departamentos ao servizo dos veciños, especialmente os máis novos, como cos campamentos da Semana Máxica ou as actividades para a rapazada programadas nestes días de verán; e tamén louvaron os primeiros pasos de Natividad Torres como concelleira de Benestar Social e Igualdade, despois de organizar diversas actividades e estar cada día a disposición dos colectivos xunto cos traballadores municipais na súa área.

No mesmo senso, os populares quixeron agradecer a labor de Maritxe González, concelleira de Seguridade Cidadá e Promoción Económica, centrada nesta primeira etapa na coordinación coa Policía Local e Protección civil para garantir a seguridade e a mobilidade nos espazos públicos, como os Plans Especiais para facilitar a rotación do estacionamento e a actividade en Combarro e Raxó;

Finalmente, os populares enxalzaron o traballo da nova responsable de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, en contacto constante durante estas primeiras semanas coa comunidade educativa para preparar as actividades estivais e o inicio do próximo curso, así como a apretada axenda cultural do municipio;  e  recoñeceron o traballo de Francisco Da Silva, concelleiro de Festexos e Eventos, e responsable xunto a Moldes da gran acollida que están a ter varias festividades e programacións, en estreita colaboración cos veciños e colectivos.

De todos eles, aseguraron que son “servidores públicos á altura da extraordinaria confianza depositada polos veciños en maio”.

UN PARTIDO MÁIS VIVO QUE NUNCA EN POIO, CUN LÍDER CLARO Á FRONTE DUN EQUIPO AMPLO E PREPARADO PARA NOVOS RETOS

A directiva dos populares rematou congratulándose do novo impulso da formación nos últimos tempos, “que sen dúbida axudou a obter uns excelentes resultados nas municipais, e por beneficiarse de ter un líder claro á fronte dun equipo amplo”.

Confirmaron que o PP “está máis vivo que nunca en Poio”, e consideran que despois de levar á casa do Concello ao mellor alcalde, de xogar un papel esencial na recuperación de Deputación de Pontevedra e de ser “un gran apoio para o mellor Goberno autonómico, o de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia”, o partido está preparado para o seguinte reto máis ilusionante, “levar a Feijóo á Moncloa”.

Precisamente nun acto da campaña das xerais, o PP local gravou un vídeo conmemorando o mes de Moldes na alcaldía que este luns lanzaron en redes sociais “con mensaxes claras e no marabilloso marco do acto na praza do Mosteiro, onde volvemos reunir varios centos de persoas”.

Celebran con el “un mes de goberno para todos” da man do mellor alcalde e único alcalde de Poio e co que pretenden seguir marcando efemérides no calendario do mellor modo: “servindo aos veciños”.