O PP avoga en Vigo polo emprendemento coa implantación de cota cero para as novas altas de autónomos en Galicia, que xa recibíu 5.000 solicitudes antes da apertura de prazo
Xoves, 6 de xuño de 2024.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor os programas e ferramentas que a Xunta brinda aos emprendedores galegos e destacou que Galicia é unha terra de oportunidades polo que é preciso saber aproveitar este potencial. Indicou que o camiño acertado é seguir apostando polo emprendemento porque, tal e como subliñou, é avogar polo futuro de Galicia e impulsar o emprendemento é apostar polo progreso, a creatividade e a innovación.
Entre as medidas que ten en marcha o Goberno galego para apoiar ás persoas que queren iniciar un proxecto emprendedor referiuse á implantación da cota cero para novas altas que acumula máis de 5.000 solicitudes e que aínda ten o prazo aberto. É un apoio que se inclúe nos case 30 millóns de euros que a Xunta dedica para apoiar aos traballadores autónomos nos primeiros gastos de inicio de actividade. A cota cero, en concreto, cubre o 100% da cota reducida durante os primeiros doce meses.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración tamén sinalou, durante un acto da campaña electoral das Europeas do PP Provincial celebrado na Cámara de Comercio, que na carteira de axudas aos autónomos existen apoios para favorecer a contratación de persoal ou a conciliación entre o colectivo, así como para retomar a actividade. No mesmo estivo acompañado polo eurodeputado e candidato popular Adrián Vázquez, a secretaria xeral do PP Provincial, Luisa Piñeiro, a presidenta do PP de Vigo, Ana Ortiz, e outros membros do PP local.
Así mesmo, salientou que simplificar o catálogo de axudas de acordo co que precisan os traballadores autónomos é outro dos cometidos do Goberno galego.
Nesta nova Lexislatura desenvolverase, ademais, plenamente a Estratexia para este colectivo, con 360 millóns de euros previstos co gallo de estimular a competitividade.
Tamén seguirase potenciando ferramentas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 13 centros activos dos que dous están operativos nesta provincia (O Porriño e Silleda), que contará cun terceiro en Vilanova.
“Traballamos para que a Administración sexa facilitadora da actividade empresarial e da xeración de riqueza, axilizando a tramitación administrativa e ofrecendo apoios ao tecido produtivo para seguir crecendo e creando emprego de calidade”, apuntou.
“Traballamos para facer de Galicia unha terra próspera e para seguir avanzando no seu desenvolvemento económico e social con políticas consensuadas para continuar acertando e que o noso mercado laboral siga crecendo”, asegurou. Neste senso, referiuse aos últimos datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social do mes de maio que volveron arroxar cifras históricas en Galicia: é a primeira vez desde hai 28 anos que o desemprego en Galicia sitúase por debaixo das 123.000 persoas e na evolución anual liderou a caída do paro no conxunto de España. De feito, a caída reflectida en Galicia (-9,22%) é case o dobre que a rexistrada no Estado (-4,79%).