O PP aposta pola calidade e igualdade na educación, a estabilidade do sistema e a colaboración coas comunidades autónomas

12, xullo, 23.-

O Partido Popular presentou esta mañá en Pontevedra o seu programa en materia de educación, que se inspira en tres grandes principios: a importancia da educación e da súa calidade como sistema de integración social e de realización persoal; a importancia da estabilidade; e colaborar coas comunidades autónomas para intentar ofrecer un sistema homoxéneo que garanta a equidade en todo o conxunto de España.

Así o explicaron os candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia, Ana Pastor, Pedro Puy e Pepa Pardo, así como o responsable de Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, nun encontro que mantiveron con representantes de educación primaria e secundaria, de centros públicos e concertados, así como de ensino especial e formación profesional.

Segundo subliñou Pastor, “para o PP a educación é a base para o desenvolvemento integral das persoas e, polo tanto, a mellora do sistema educativo é un obxectivo prioritario, porque queremos un país máis próspero e equitativo. O ensino é unha prioridade, é necesaria para os nenos, para os maiores, para o futuro do noso país”.

Pola súa banda, Pedro Puy, que ademais participou na redacción do programa electoral do Partido Popular, explicou que o ensino é unha das preocupacións centrais dos populares: “pola igualdade de oportunidades, desde punto de vista da integración e da formación como pola importancia de ter un bo capital humano para o progreso do país”.

A primeira proposta inclúe medidas para mellorar a calidade e igualdade na educación, e que inclúe desde a gratuidade na educación infantil que xa existe en Galicia, e que queren estender ao conxunto de España e, polo tanto, da que Galicia tamén se beneficiaría polo compromiso de Feijóo de financiar o 50%, ata a proxección e incremento do número de bolsas que se van a dar todos os niveis educativos, incluída a educación universitaria.

O segundo elemento, apuntou, pasa pola estabilidade do sistema. “Nós pensamos que é fundamental que o sistema educativo por fin teña estabilidade en torno a unha serie de principios compartidos e que teñan evidencia científica. É fundamental organizar o sistema educativo da maneira máis eficaz para que os alumnos teñan a mellor formación posible, reducir as taxas de abandono e integralos laboralmente no mercado, traballo…”, e asegurou que “convén retocar a lei educativa actual nalgúns aspectos que son esenciais pero non imos derogala”. Nesta liña, dixo que “coa axuda dos expertos o que imos é tentar corrixir as erros que a propia comunidade educativa e os expertos están denunciando, como por exemplo, fomentar a cultura do esforzo, tanto o mérito por parte do acceso ao profesorado como o esforzo e o mérito por parte dos alumnos do sistema educativo”.

E o terceiro gran obxectivo, engadiu, é colaborar coas comunidades autónomas. “Hai que organizar un sistema nacional de educación, pero que teña en conta as comunidades autónomas, as súas necesidades, as súas diferencias e ao mesmo tempo que garanta esa igualdade que se estenda o conxunto España”. Como exemplo, unha das propostas que destacou neste ámbito é a necesidade de que haxa unha valoración do acceso á universidade común para toda España.

O MODELO GALEGO COMO REFERENCIA

Por último, o responsable galego de Educación, Román Rodríguez, puxo en valor o modelo educativo de Galicia, “que agardemos poida servir como referencia no conxunto de España”, un modelo que, describiu, “está caracterizado pola calidade, a equidade, a igualdade, oportunidades e o ensino en valores, e que nos ten situado, afortunadamente, nos principais postos dos diferentes ránkings que se fan tanto a nivel nacional como a nivel internacional”. Tamén subliñou que “fomos a terceira comunicade autónoma de España no tocante ao investimento por alumno, o que demostra que hai unha forte aposta por parte da Xunta de Galicia e do Partido Popular pola Educación”.